A Deputación reafirma o seu apoio á actividade cultural da UNED da Coruña

ACoruñaXa
Segundo confirmou a deputada de Cultura, Natividade González, nunha visita institucional
dep-uned
9 Jun 2025

A Deputación da Coruña renovará nas vindeiras semanas o seu compromiso coa programación cultural e social da UNED da Coruña. Así o confirmou a deputada de Cultura, Natividade González, durante unha visita institucional ao centro asociado, onde foi recibida pola directora, Ana Mónica Novo.

González aproveitou a visita para coñecer de preto o funcionamento da institución académica, así como o desenvolvemento das probas presenciais da convocatoria de xuño, nas que participa o alumnado da sede coruñesa e tamén da Aula de Ferrol.

Na axenda do encontro tamén estivo presente a renovación do convenio de colaboración entre a Deputación e o Consorcio Universitario do Centro Asociado á UNED da Coruña. A través deste acordo, a administración provincial destina 100.000 euros ao cofinanciamento das actividades sociais e de divulgación cultural organizadas polo centro.

“Queremos reiterar”, asegurou a deputada, “o noso compromiso firme co acceso igualitario á cultura e á educación e á divulgación do coñecemento na nosa provincia, e estamos convencidos de que a programación multidisciplinar e aberta da UNED da Coruña é fundamental para conseguir ese obxectivo”.

Ademais, González destacou que “non é unha simple achega económica, senón unha aposta por iniciativas que, como as da UNED da Coruña, nos permiten avanzar cara a unha sociedade máis formada, máis crítica e máis cohesiva”.

A deputada puxo tamén en valor o papel que desempeña a UNED como ferramenta para reducir barreiras de acceso ao ensino superior: “A UNED da Coruña realiza un traballo impagable achegando a educación superior e a cultura a persoas que doutro xeito terían dificultades para acceder a ela; por iso, para nós é unha prioridade seguir colaborando e fortalecendo esta alianza”.

⚙ Configurar cookies
0.16005086898804