A Deputación promociona a gastronomía da provincia no Salón Gourmets de Madrid

ACoruñaXa
Busca destacar a relación entre os elementos paisaxísticos e a gastronomía da provincia
dep-forum
4 Apr 2025

A Deputación da Coruña participa na 38ª edición do Salón Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de alta calidade, coa súa iniciativa A paisaxe que sabe. O evento celébrase do 7 ao 10 de abril no recinto Ifema de Madrid e contará cun stand propio da institución provincial, no que se desenvolverán máis de 40 actividades.

A través desta campaña, a Deputación busca destacar a relación entre os elementos paisaxísticos e a gastronomía da provincia, ao tempo que reforza o seu compromiso cun turismo sostible e de calidade. Durante os catro días da feira, chefs, produtores e produtoras da Coruña serán os grandes protagonistas deste escaparate internacional dirixido a profesionais do sector gastronómico.

Produtos e cociñeiros da provincia no evento

O espazo da Deputación ofrecerá degustacións de produtos como Cafés Lúa (Carballo), Galletas Martietas de Fío (Bergondo), Maruxas de Nata (San Sadurniño), A Despensa D’Lujo (Coristanco e Carballo), Vermú Lodeiros (Santiago de Compostela), Queixo Galmesán (Arzúa), Mariscos de Barallobre (Fene) e os destilados de Vánagandr (Cambre).

Ademais, recoñecidos chefs da provincia, como Nair González (Muelle 43, Mugardos), Antonio Amenedo (Pazo de Santa Cruz, Oza-Cesuras) e Alma García (GRECA, A Coruña), presentarán as súas creacións gastronómicas. Pola súa banda, o sumiller Alejandro Paadín impartirá relatorios e catas sobre os Viños do Atlántico.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou a importancia desta participación no evento: “Os produtores e produtoras locais terán a oportunidade de dar a coñecer o seu traballo e de xerar novas oportunidades comerciais. Para nós, é un orgullo contribuír ao seu crecemento e visibilidade”.

Regueira tamén puxo en valor a presenza de chefs da provincia: “Levarémolos para que preparen bocados de primeiro nivel con produtos do sector agroalimentario, que está a facer un traballo excelente”. Ademais, subliñou que esta iniciativa permitirá mostrar ante un público profesional a riqueza gastronómica e paisaxística da Coruña: “A través das persoas, os produtos e as paisaxes, queremos amosar todo o que este territorio pode ofrecer”.

O Salón Gourmets, na súa 38ª edición, continúa consolidándose como un dos eventos de referencia do sector, reunindo preto de 2.000 expositores e máis de 100.000 visitantes profesionais na súa última edición.

⚙ Configurar cookies
0.1630859375