A Deputación prevé rematar en maio a remodelación integral da avenida de Santa Cristina, en Oleiros

ACoruñaXa
As obras supoñen a primeira gran reforma da avenida dende finais dos anos 70
dep-oleiros
10 Apr 2025

A avenida de Santa Cristina, en Oleiros, encara a recta final das obras de reurbanización integral impulsadas pola Deputación da Coruña, cun investimento de 1,7 millóns de euros. O organismo provincial prevé que os traballos estean rematados no mes de maio, segundo anunciaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, durante unha visita á zona acompañados pola deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, técnicos e enxeñeiros.

As obras, que supoñen a primeira gran reforma da avenida dende finais dos anos 70, foron deseñadas para modernizar unha infraestrutura cuxo estado se atopaba moi deteriorado e que xa non cumpría cos actuais requisitos de accesibilidade.

“Estamos a transformar a avenida cunha intervención que mellora beirarrúas, crea zonas axardinadas, renova os servizos de recollida de pluviais e alumeado, e pon o foco no peón, nunha aposta clara pola seguridade, a accesibilidade e a estética”, explicou Formoso, quen destacou a relevancia desta actuación como unha das máis importantes da rede viaria provincial, que supera os 2.000 quilómetros.

Pola súa banda, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, cualificou a obra como “un cambio total, unha revitalización de Santa Cristina que xa se nota nos negocios da zona, moitos dos cales están a reformar os seus locais”. Tamén asegurou que “a veciñanza está encantada” e que a nova avenida será desfrutada non só polos residentes, senón por toda a comarca que visita habitualmente esta contorna costeira.

A actuación, que se desenvolve por tramos para minimizar molestias nunha zona de gran tránsito e con numerosos establecementos hostaleiros, inclúe a ampliación de beirarrúas, a instalación de novo mobiliario urbano, melloras na estética xeral da travesía, a reordenación do espazo con áreas verdes e puntos de encontro, así como un novo deseño das prazas de aparcamento, que se manteñen debido á elevada demanda da zona.

O novo alumeado público, con báculos xa instalados, forma parte das melloras acometidas. Entre os traballos pendentes destaca a finalización do tramo máis próximo á praia, que contará cunha ampla zona peonil, a nova mediana, a pavimentación definitiva da calzada, a plantación de árbores e a colocación do mobiliario urbano. Tamén está prevista a retirada dos postes de electricidade, unha tarefa que depende de Unión Fenosa, aínda que as canalizacións para soterrar as liñas eléctricas xa foron executadas.

Desde o Concello e a Deputación salientan que, malia o leve atraso respecto ao calendario inicial, o resultado final será unha avenida moderna, accesible e pensada para a convivencia entre vehículos, peóns e espazos verdes.

⚙ Configurar cookies
0.13234186172485