A Deputación presentará no Fitur a estratexia de sustentabilidade turística
A Deputación da Coruña presentará os cinco Plans de Sustentabilidade Turística en Destino da Deputación a próxima semana na Feira Internacional de Turismo no IFEMA de Madrid. Os proxectos a presentar serán o de Fogóns do Anllóns; o das Fragas do Eume; o do Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, o da Vía Verde Compostela - Tambre – Lengüelle e o Centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra.
O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, será o encargado de encabezar a delegación da provincia na Feira, na que tamén participarán diferentes representantes das comarcas dos plans (Bergantiños, Eume, Ortegal, Santiago e Ferrolterra).
Xosé Regueira, apuntou a intención da Deputación de levar a un dos eventos máis importantes de turismo a proposta galega, baseada na sustentabilidade medioambiental, económica e social, que pasa por manter a autenticidade do territorio, contribuír á xeración de riqueza local e á fixación de poboación no rural, dende o máximo respecto medioambiental. “Ofrecendo produtos turísticos diversos e de gran calidade, que poñen en valor a nosa identidade, e se dirixen a un perfil que demanda unha oferta caracterizada polo patrimonio, cultura, gastronomía, cultura, ocio activo... Todo iso é o que se pode atopar nos nosos Plans de Sustentabilidade Turística”, explicou.
Dúas datas para dar a coñecer os proxectos da provincia
A primeira das citas da Deputación no congreso será a presentación de ‘Provincia da Coruña, territorio sostible’ que terá lugar o mércores 24 ás 13.00 horas no stand de Galicia. Nesta presentación exporase unha reflexión sobre a importancia de levar a cabo prácticas sostibles e contará coas intervencións do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; a do deputado Antonio Leira e a do presidente, Valentín González Formoso. Tamén se proxectará un vídeo de promoción da Vía Verde Compostela – Tambre- Lengüelle.
A segunda das citas será o venres 26 ás 13.00 horas, na que o vicepresidente falará do ‘Cabo Ortegal, Territorio xeolóxico’ nunha presentación sobre os xeoparques mundiais da UNESCO en Galicia, na que tamén participarán representantes da Xunta, da Rede Mundial de Xeoparques, e de diferentes entidades e concellos.
A Deputación reforza, así, a súa aposta por dar a coñecer os Plans de Sustentabilidade, sufragados en parte polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea, que contan cunha inversión de 7,8 millóns, co obxectivo de promover un turismo baseado no respecto medioambiental, a implicación da poboación local, a xeración de riqueza na contorna máis próxima e a preservación do medio natural.