A Deputación presenta un libro de banda deseñada sobre o Mosteiro de Caaveiro

ACoruñaXa
Unha publicación que conxuga historia, arte e natureza nun formato innovador
dep-banda
1 May 2025

A sede coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acolleu a presentación oficial do libro de banda deseñada “Historia do Mosteiro de Caaveiro. Un lugar milenario no corazón das Fragas do Eume”, unha publicación impulsada pola Deputación da Coruña que conxuga historia, arte e natureza nun formato innovador.

O acto contou coa participación dos autores da obra —Delio Rodríguez Ces, Ismael Blanco Bouza e Lois Gómez Souto— así como de expertos que formaron parte do proceso de rehabilitación e musealización do mosteiro: Celestino García Braña, Isabel Aguirre Urcola e Ángel L. Alonso Méndez.

Durante a súa intervención, o deputado de patrimonio, Xosé Penas, destacou o valor simbólico e divulgativo da obra, afirmando que é “máis que un cómic, converteuse nun libro, unha guía, unha insignia do traballo feito, da historia feita e do traballo por vir”. Penas salientou tamén que o cómic percorre non só a historia do edificio, senón tamén “a historia das persoas, a historia en definitiva deste país, dende os eremitas iniciais, pasando polo noso Reino de Galiza ata o traballo de Don Pío e o rescate por parte da Deputación para crear, como digo eu moitas veces, xunto con Dombate e o Castelo de Vimianzo, ese triángulo máxico do patrimonio provincial”.

A obra, editada pola Deputación, ofrece unha narrativa dividida nas catro estacións do ano —primavera, verán, outono e inverno— como metáfora da transformación do mosteiro ao longo do tempo. Este enfoque permite achegar ao público de todas as idades a evolución histórica do monumento, integrando elementos arquitectónicos, culturais e naturais que o sitúan como parte inseparable da paisaxe das Fragas do Eume.

O libro tamén fai referencia á romaría de San Xoán Bautista, un dos momentos festivos máis significativos da tradición galega, como porta de entrada á historia deste enclave medieval.

Na presentación participaron tamén a presidenta do COAG Coruña, Ruth Varela; o xefe do Servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación; e o arquitecto Alfredo González Prieto. Os asistentes tiveron a oportunidade de recibir un exemplar da publicación, que aspira a converterse nunha ferramenta de difusión do patrimonio cultural accesible para todos os públicos.

O proxecto supón un paso máis na valorización do Mosteiro de Caaveiro, que desde o ano 2002 foi obxecto dunha intensa labor de rehabilitación por parte da Deputación da Coruña, culminando agora coa súa musealización e integración definitiva como referente do patrimonio galego.

 

⚙ Configurar cookies
0.15059900283813