A Deputación presenta o VIII Concurso Quero Cantar de música infantil e xuvenil

A área de Cultura da Deputación da Coruña convoca o VIII Concurso Quero Cantar de música infantil e xuvenil. A intención é promover e difundir o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical entre a rapazada e a mocidade. O prazo de presentación de maquetas rematará o 14 de marzo, e a gala de finalistas que decidirá os gañadores, o domingo 6 de abril no Teatro Colón da Coruña.
Poderán participar calquera grupo ou solista que presente a maqueta dunha canción en galego, con letra e música orixinais e inéditas, en calquera das dúas categorías a concurso: infantil (ata 12 anos) e xuvenil (de 13 a 16 anos). Establécense os seguintes premios: 1º clasificado na categoría infantil: gravación da maqueta en estudio profesional; gravación dun videoclip da canción gañadora; e material musical ou produtos culturais en galego por valor de 1.500 euros; 1º clasificado na categoría xuvenil: gravación da maqueta en estudio profesional; participación no programa formativo; gravación dun videoclip, ben da canción presentada ao concurso, ben da creada no programa formativo; material musical ou produtos culturais en galego por valor de 1.500 euros. O 2º clasificado en ambas as categorías: gravación da maqueta en estudio profesional; material musical ou produtos culturais en galego por valor de 1.000 euros. Para o 3º clasificado en ambas as categorías: gravación da maqueta en estudio profesional e material musical ou produtos culturais en galego por valor de 500 euros.
O programa formativo Quero Cantar 2025, para a proposta vencedora na categoría xuvenil, inclúe unha titoría creativa para o desenvolvemento dunha canción, impartida por un ou unha artista de recoñecida traxectoria na música galega; unha residencia de tres días, nun espazo determinado pola Deputación, entre a persoa ou persoas que compoñan a proposta seleccionada e a persoa encargada da titoría, na que se realizará un último ensaio coa canción creada e os gañadores gravarán o tema nun estudio profesional. De igual forma, o obradoiro ‘Kit de supervivencia para iniciarse no mundo da música’, formación práctica de 6 horas de duración enfocada a aspectos básicos para o inicio dunha carreira no mundo da música como son a creación da identidade de grupo, maquetaxe, distribución e dereitos e aspectos a ter en conta de cara á procura dos primeiros concertos.
Noméanse dous xurados, un para cada unha das fases do certame. Na primeira, o xurado estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito musical que decidirán as seis cancións, tres por categoría, que pasarán á final. Na segunda fase, o día da gala na que os finalistas interpretarán os seus temas, o xurado formarano seis alumnas e alumnos de educación primaria e ESO, tres por categoría, con formación musical.