A Deputación presenta o POS+2026 cunha achega récord na área coruñesa e reclama á Xunta máis fondos para os concellos

A Deputación da Coruña presentou hoxe en Oleiros o POS+2026, a nova edición do Plan Único, cunha achega inicial de 20,18 millóns de euros destinada a 21 concellos das comarcas da Coruña e As Mariñas. O presidente provincial, Valentín González Formoso, cualificou a cifra como a maior desde a creación do plan en 2017 e defendeu que este instrumento se consolidou como a principal vía de cooperación económica cos municipios.
Formoso puxo o foco no modelo do POS, baseado na autonomía local para decidir o destino dos fondos, que poden empregarse tanto en obras como no reforzo de servizos municipais e programas sociais. No seu balance, asegurou que a Deputación ‘inviste máis nos concellos da provincia que a Xunta en todos os concellos galegos’ e reclamou ao Goberno galego elevar até un mínimo de 200 millóns de euros o Fondo Galego de Cooperación Local para mellorar o financiamento municipal.
No acto participaron tamén o alcalde de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, e a deputada de Plans, Cristina García. Esta última subliñou que, aínda que as contías máis elevadas se concentran nos concellos con maior poboación, o POS+ ten un impacto proporcional maior nos municipios máis pequenos, nun contexto no que manter os servizos básicos resulta cada vez máis complexo. Pola súa banda, García Seoane reivindicou o papel das deputacións para a ‘supervivencia’ de moitos concellos e criticou a xestión ‘con criterios partidistas’ no reparto de recursos.
A Deputación destacou tamén o balance acumulado do Plan Único na contorna coruñesa desde 2017: 186,5 millóns de euros mobilizados e 926 obras financiadas. Entre os concellos con maior achega na edición de 2026, a institución sinalou Arteixo, Oleiros, Culleredo, Cambre e Oza-Cesuras.
Tras a presentación, a comitiva visitou as obras de acondicionamento e pavimentación das rúas Vila, Atochas e Campo do Souto, na parroquia de Iñás, unha actuación enfocada a mellorar o firme e a drenaxe para aumentar a seguridade viaria e a evacuación das augas pluviais.