A Deputación presenta o Congreso que conmemora 40 anos da administración local

A Deputación da Coruña acolleu a presentación do Congreso “1985-2025: 40 anos de bases de réxime local e do control externo local en Galicia”, que terá lugar os días 15 e 16 de setembro no Palexco da Coruña. O acto contou coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro Fernández, e o conselleiro de Corporacións Locais, Simón Rego Vilar.
Durante a súa intervención, González Formoso destacou que “os concellos son a primeira liña de contacto coa veciñanza e precisan dun reforzo consensuado e dunha reflexión xurídica máis axustada aos tempos actuais”. O presidente da Deputación apostou por “unha redefinición do actual modelo competencial e de financiamento das entidades locais, que permita adaptalo á realidade social e institucional do século XXI”, e agradeceu ao Consello de Contas “a oportunidade de colaborar na organización dun congreso moi necesario e útil para o futuro do municipalismo”.
Juan Carlos Aladro resaltou que o congreso permitirá “afondar nos principais desafíos que afronta a administración local”, como a “excesiva carga competencial dos concellos, o financiamento insuficiente, o papel dos gobernos intermedios ou os novos retos en materia de control e rendición de contas”. Tamén subliñou o valor das novas ferramentas tecnolóxicas, “como a intelixencia artificial na mellora da xestión e da transparencia públicas”.
Simón Rego puxo en valor a conmemoración dos 40 anos da Lei de bases do réxime local e do control externo en Galicia, e destacou que o congreso será a ocasión para presentar o proxecto “Concello 314”, “un portal de datos que recollerá información clave dos 313 concellos galegos, tanto dende o punto de vista da saúde económica como da eficacia na prestación dos servizos públicos”. Rego salientou tamén “o compoñente de futuro que ten este congreso, pois non só se busca analizar a situación actual e a evolución da Lei, senón que se propoñen escenarios futuros e solucións ás necesidades actuais”.
Organizado polo Consello de Contas de Galicia coa colaboración da Deputación da Coruña, o congreso reunirá a destacadas voces da academia, a xestión pública profesional e as institucións locais galegas e doutros puntos do Estado. Entre os relatores confirmados figuran nomes como Carles Ramió (catedrático da Universitat Pompeu Fabra), Mónica García Sáenz (directora xeral de Estabilidade Orzamentaria do Ministerio de Facenda), Santiago Lago-Peñas (catedrático da Universidade de Vigo), Francisco Velasco Caballero (Catedrático de Dereito Administrativo da UAM), Ismael Peña-López (investigador e exdirector da Escola de Administración Pública de Cataluña), Alfredo Galán (director da Fundación Democracia y Gobierno Local) ou José Manuel Pardellas Rivera (interventor xeral da Deputación da Coruña).
Tamén participarán representantes institucionais e profesionais da xestión pública local, entre eles a presidenta do Consello Xeral de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local, o director da Oficina Nacional de Auditoría da IGAE, a interventora xeral da Deputación de Girona ou a secretaria xeral da Deputación de Barcelona. A conferencia inaugural correrá a cargo de Carles Ramió, mentres que a clausura estará a cargo de Manuel Villoria Mendieta, recentemente nomeado presidente da Autoridade de Protección ao Informante.
O programa do congreso conta con oito mesas de debate que abordarán cuestións chave como a profesionalización do persoal técnico, os mecanismos de control interno e externo, o financiamento local, os retos da dixitalización, a transparencia, a participación cidadá e o papel das institucións locais na construción democrática das últimas décadas.
As mesas serán:
Mesa 1: A financiación dunha nova administración local
Mesa 2: Transformación da xestión pública local: Novas ferramentas e capital humano
Mesa 3: O papel dos gobernos intermedios na garantía dos servizos municipais: ¿mito ou realidade?
Mesa 4: Integridade pública local como proxecto compartido de mellora integral da calidade institucional
Mesa 5: Os retos do control interno local: A auditoría pública no horizonte
Mesa 6: O control externo local e o papel de colaboración
Mesa 7: O reto do marco competencial da administración local: As costuras do traxe de 1985
Mesa 8: Mesa de representantes institucionais sobre o futuro da Administración Local: Un novo marco para unha nova realidade
As inscricións son gratuítas e xa están abertas para todos os interesados.