A Deputación presenta o 'Cancioneiro galego portugués'

Coincidindo co Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, a área de lingua da Deputación da Coruña deu a coñecer o 'Cancioneiro galego portugués', unha publicación realizada en colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, entidade consultora da UNESCO para o PCI. A obra está asinada polos investigadores da literatura oral Domingo Blanco (Galiza) e Carlos Nogueira (Portugal). Na presentación participaron a deputada de lingua, Sol Agra; o presidente de Ponte...nas ondas!, Santi Veloso; e o autor Domingo Blanco.
O cancioneiro ten como obxectivo divulgar o corpus común de cantigas que se mantivo vivo a ambos lados da raia e reivindicar o seu valor como patrimonio compartido. O volume incorpora estudos comparativos sobre métrica, rima e variantes que circularon entre Galicia e Portugal, así como unha proposta didáctica para traballar nas aulas e un espazo web con materiais audiovisuais e musicais. A deputada Sol Agra salientou que este traballo reflicte 'o tesouro patrimonial vivo' preservado polas portadoras e portadores da tradición, en liña coa homenaxe da Real Academia Galega ás cantareiras e á literatura de transmisión oral no 2025. Pola súa banda, Santi Veloso destacou que o cancioneiro exemplifica un legado que 'sobreviviu por riba das fronteiras' e que a sociedade ten a responsabilidade de coidar e transmitir ás novas xeracións.