A Deputación presenta en Betanzos 'MercaNaVila', a campaña de bonos para activar o pequeno comercio

A Deputación da Coruña deu a coñecer en Betanzos o programa MercaNaVila, coa colaboración da Federación Galega de Comercio, unha campaña de apoio ao comercio de proximidade nos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, e o tenente alcalde e concelleiro de Economía e Facenda, Diego Fernández, visitaron o establecemento Roci García (rúa Travesa), un dos escenarios do spot promocional gravado na cidade, antes de manter un encontro con ACEBE e Checasco no salón azul do Liceo.
A convocatoria para os negocios está aberta ata o 20 de outubro a través da web do programa. A partir do luns 20 de outubro, as persoas consumidoras poderán descargar no móbil bonos-desconto de 100 € para utilizalos nos comercios adheridos. O plan conta cun orzamento de 6 millóns de euros da institución provincial e pretende mobilizar 25 millóns de euros en vendas no pequeno comercio das vilas. Segundo destacou García, trátase dun esforzo “ambicioso”, focalizado exclusivamente nos concellos coruñeses de menor poboación, co obxectivo de atraer tamén clientela de cidades e municipios máis grandes cara aos centros comerciais abertos das vilas.
En Betanzos hai 38 establecementos xa inscritos, un indicador da boa acollida do programa por parte do sector. A Deputación subliña que MercaNaVila busca dinamizar a economía local, soster emprego e dar vida ás rúas, reforzando a cooperación entre administración provincial e tecido comercial. 'Cada compra no comercio de proximidade reverte na vila', concluíu a deputada.