A Deputación presenta aos concellos a nova liña de axudas para a protección do patrimonio cultural

A Deputación da Coruña mantivo unha reunión cos representantes municipais da provincia para dar a coñecer a nova convocatoria de subvencións destinada á conservación e recuperación do patrimonio cultural público ou de xestión municipal. O encontro estivo presidido polo deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, e contou coa participación do xefe do Servizo de Arquitectura, Daniel Beiras, e do responsable do Departamento de Patrimonio, Fernando Pérez.
Durante a sesión detalláronse as características principais do programa DP0045/2026, que dispón dun orzamento inicial dun millón de euros, ampliable a dous millóns. A liña, publicada no BOP o 15 de outubro, está dirixida aos concellos de menos de 50.000 habitantes e ten como finalidade apoiar actuacións de preservación, recuperación e posta en valor do patrimonio histórico, artístico e cultural municipal.
A Deputación subliñou que as intervencións poderán recibir unha axuda máxima de até 150.000 euros, cubrindo até o 80% do custo subvencionable, sempre que o investimento non sexa inferior a 30.000 euros. O período de execución das obras estenderase do 1 de xaneiro de 2026 ao 30 de xuño de 2027.
Segundo explicou Penas, poderán optar ás axudas os proxectos en espazos públicos e inmobles con valores histórico-artísticos, culturais, tipolóxicos ou etnográficos declarados BIC ou catalogados, ademais das intervencións en conxuntos históricos urbanos tamén recoñecidos como BIC. Inclúense igualmente actuacións sobre elementos de enxeñaría (pontes, pontellas ou camiños), patrimonio marítimo (peiraos, carpintarías de ribeira, salgadurías ou secadoiros) e xacementos arqueolóxicos que incorporen melloras de sinalización ou musealización.
As solicitudes serán avaliadas en concorrencia competitiva por un comité técnico formado por tres especialistas en patrimonio, arquitectura e rehabilitación. Para obter a condición de entidade beneficiaria será preciso acadar un mínimo de 50 puntos, valorándose aspectos como a singularidade do patrimonio, a urxencia derivada do seu estado de conservación, a calidade técnica do proxecto e o impacto previsto da actuación.
Durante a reunión, Penas insistiu na 'necesidade de actuar con axilidade e con recursos suficientes para garantir a adecuada preservación do extraordinario patrimonio cultural da provincia', alertando sobre 'a situación de determinados bens que precisan dunha intervención inmediata'.
Os concellos interesados poderán presentar varias solicitudes, unha por actuación, canalizando toda a tramitación a través da plataforma SUBTEL até o 21 de xaneiro de 2026.