A Deputación presenta 'A volta á provincia en 52 autoras' para coñecer ás escritoras da Coruña

A Deputación da Coruña presenta, con motivo do mes da muller, unha mostra moi especial para coñecer a fondo o traballo das autoras e creadoras de toda a provincia, denominada 'A volta á provincia en 52 autoras'.
A exposición, que inclúe obras de 52 autoras do territorio da provincia, estará dispoñible no vestíbulo da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña durante os meses de marzo, abril e maio. Na seguinte ligazón pode consultarse o mapa coas coas autoras elexidas.
Ao longo do ano 2023, a Biblioteca Provincial realizou un destaque semanal dunha autora dalgún dos concellos da provincia da Coruña. Agora, tomando como base esas 52 semanas, a mostra propón un percorrido por cada un dos municipios dun xeito ameno e reivindicativo a través da obra das autoras, exemplificadas con volumes representativos do fondo bibliotecario. Para acompañar o percorrido hai un mapa virtual coas autoras propostas, xunto aos que se colocan códigos QR para complementar a información.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a actividade, enmarcada nas actividades da institución provincial con motivo do 8M, “pretende visibilizar a contribución dalgunhas das principais autoras da provincia da Coruña á nosa literatura”.
A deputada de Igualdade, Soldedad Agra, sinalou a importancia de “dar a coñecer a obra, moitas veces silenciada, de creadoras de diferentes disciplinas artísticas”, apuntou. “Esta mostra é o exemplo do bo facer das nosas autoras, que sitúan á provincia no mapa literario pola gran calidade e talento que ofrecen”, engadiu. “É necesario, dende as institucións, darlle voz e espazo ás mulleres e ao seu traballo, non so no ámbito literario, como é o caso, senon en todos”.
Esta iniciativa nace coa idea de promover e recoñecer ás protagonistas, tentando chegar ao público da Biblioteca Provincial a través da posta en valor das súas obras.