A Deputación pon o foco na canteira coruñesa tras o CESA 2026

ACoruñaXa
A institución provincial recibiu a 14 xogadores e xogadoras que estiveron coas seleccións galegas de balonmán nun campionato no que Galicia asinou un dos seus mellores balances recentes
DEPU CORU balonmano
4 Mar 2026

A Deputación da Coruña abriu as portas da súa sede para recibir a 14 deportistas da provincia que defenderon a Galicia no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) 2026. Foi un encontro de recoñecemento, con familias e representantes dos clubs, no que se puxo en valor o papel da canteira coruñesa nunha edición especialmente positiva para o balonmán galego.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, felicitaron os e as xogadoras pola súa achega a uns resultados que deixan pegada en varias categorías. Galicia proclamouse subcampioa de España en xuvenil masculino, sumou un bronce en cadete masculino, asinou dous cuartos postos nas categorías infantís e rematou oitava en cadete feminina. Unha colleita que confirma a boa saúde do traballo de base.

Os 14 deportistas pertencen a entidades da provincia como Escalas Balonmán Xiria, Balonmán Culleredo, Balonmano Línea 21 e o Club Cisne, e participaron de forma destacada nas distintas seleccións galegas do torneo.

No acto tamén estivo representada a Federación Galega de Balonmán, que destacou o apoio sostido da Deputación ao balonmán provincial, unha disciplina que, segundo se lembrou, rexistrou nos últimos anos o maior incremento de licenzas en Galicia.

Ese respaldo concrétase tamén en iniciativas como a Copa 5x5 de Balonmán na Rúa, un formato que a Deputación impulsa e que xa chegou a 18 concellos da provincia con máis de 8.000 nenos e nenas participantes, coa intención de achegar o deporte ás idades temperás e consolidar a canteira.

0.10450482368469