A Deputación pon en marcha o programa Conecta Rural para reducir a fenda dixital

A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno o lanzamento do programa Conecta Rural, unha ambiciosa iniciativa orientada a mellorar a capacitación dixital nas zonas máis envellecidas e despoboadas da provincia.
Con un investimento de 750.000 euros, a iniciativa formará máis de 3.200 persoas pertencentes a colectivos especialmente vulnerables, como maiores de 65 anos, desempregados maiores de 45, así como mocidade e infancia dos 69 concellos cualificados como de reto demográfico.
Financiado co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, Conecta Rural ofrecerá formación en competencias básicas sobre o uso de internet, correo electrónico, seguridade na rede, administración electrónica, redes sociais, compras en liña e videoconferencias, entre outros contidos. A formación adaptarase ao ámbito rural seguindo o marco europeo DigComp 2.2 de competencias dixitais.
O proxecto inclúe tamén a creación dunha plataforma virtual propia que facilitará o acceso á formación, así como o uso das aulas municipais de informática e da rede CeMIT nos concellos, garantindo así a accesibilidade territorial para todos os participantes.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que “Conecta Rural é un paso máis no compromiso desta institución co equilibrio territorial e coa igualdade de oportunidades entre o rural e o urbano, tamén no acceso ao mundo dixital. A dixitalización debe ser unha ferramenta de cohesión, non de exclusión”.
O programa terá unha duración de dous anos e contará coa contratación de profesorado especializado para impartir accións formativas tanto presenciais como en liña, dirixidas a distintos colectivos, como maiores sen coñecementos previos, mozos de 10 a 25 anos, e desempregados maiores de 45 anos.
Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña continúa apostando pola transformación dixital como unha vía clave para combater o illamento, mellorar a empregabilidade e fomentar a inclusión social e tecnolóxica nas zonas rurais da provincia.