A Deputación pide á Xunta un reparto obxectivo dos fondos de saneamento e abastecemento de auga
O pleno da Deputación da Coruña aprobou na sesión extraordinaria celebrada este venres 28 de xuño unha moción dos grupos do PSdeG e do BNG relativa ao canon da auga a través da que se insta ao ente público Augas de Galicia a “explicar con detalle o destino da recadación do canon da auga na provincia e o criterio de reparto” deses fondos.
Ademis se lle esixe “que estableza un sistema de reinvestimento de todas as cantidades recadadas pola aplicación do canon da auga en cada concello da provincia”, así como que se negocie cos concellos “o establecemento dun sistema obxectivo de reparto dos fondos procedentes da Unión Europea e dos fondos propios da Xunta para o deseño, construción e mantemento das infraestruturas hidráulicas na nosa provincia”.
O documento sometido a debate, que contou co visto e prace dos grupos do PSdeG, do BNG e de Alternativa dos Veciños, mentres que o PP votou en contra da súa aprobación, recolle que no período 2017-2022 Augas de Galicia asinou 152 convenios con concellos. Deles “111 asináronse con concellos gobernados polo PP, 32 con concellos gobernados polo PSdeG-PSOE, 1 cun concello gobernado polo BNG e 8 con concellos doutros signos políticos”.
A moción indica, por outra banda, que “tampouco existe un criterio homoxéneo relativo ás porcentaxes de confinanciamento por parte dos concellos en cada un destes acordos”, o cal se suma ao que ambos grupos políticos consideran no seu escrito un criterio de reparto “totalmente partidista” que contrasta co Plan Único creado pola Deputación no 2017, que distribúe os fondos dispoñibles “mediante criterios obxectivos en cada un dos concellos da provincia”.
Sinalan tamén que, segundo consta nos Orzamentos da Xunta, nos últimos catro anos Augas de Galicia ingresou a través do canon case 274 millóns de euros, uns ingresos que se incrementaron nuns 400 millóns procedentes, sobre todo, de fondos europeos. Porén, a distribución deses recursos faise con “falta de transparencia e aparente arbitrariedade”, subliñan.
Sendas peonís para mellorar a seguridade viaria en Negreira e Boimorto
Entre outros asuntos, o pleno tamén aprobou dous proxectos contemplados no Plan de Sendas Peonís 2024. Trátase do correspondente ás estradas DP-5602 (Negreira-Pontenafonso) e DP-1302 (Negreira-Urdilde) e do que se vai executar na DP-1004 (Lanzá-Boimorto).
No primeiro caso, suporá un investimento superior aos 725.000 euros, que servirá para darlles continuidade a itinerarios peonís realizados en anteriores fases. As zonas de actuación na DP-5602 van dos puntos quilométricos 0+500 a 0+670 e 1+000 a 1+150, ata chegar ao cemiterio de Negreira. Na DP-1302 tamén se dará continuidade a obras executadas en anos anteriores, coa prolongación da senda entre os puntos quilométricos 0+360 e 0+760.
Trátase de zonas para viandantes cun ancho de 2 metros e rematadas cunha capa bituminosa en quente. Estarán situadas ao mesmo nivel que a estrada, pero separadas dela, para mellorar a seguridade viaria.
Este investimento sumarase a outras actuacións desenvolvidas en ambas estradas en anos pasados tamén co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, como son a ampliación da DP-5602 entre os puntos quilométricos 6+105 e 8+630 (1 millón de euros) ou as obras executadas na DP-1302 por valor de máis de 55.000 euros.
En canto ao proxecto da estrada de Lanzá a Boimorto, atinxe ao ultimo tramo, na súa chegada o núcleo urbano, que vai do punto quilométrico 9+690 ao 10+560. Neste caso, a solución será un pavimento de formigón de 2 metros de ancho. O importe de licitación supera os 458.000 euros.
Na DP-1004 executáronse nos últimos anos melloras como a construción dunha senda peonil no inicio da estrada, no concello de Mesía, ou a mellora da capa de rodadura no mesmo termo municipal. Ambas actuacións sumaron preto dos 250.000 euros.
Outro dos puntos que saíu adiante co apoio unánime dos deputados e deputadas provinciais foi a aprobación da formalización dun convenio de colaboración entre a Deputación e o Clúster Audiovisual Galego para a promoción do sector e a consolidación da provincia coruñesa como polo audiovisual de referencia. Dito convenio asinarase o vindeiro luns.