A Deputación pide á Xunta e ao Estado máis financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar

ACoruñaXa
O pleno aprobou unha moción de PSOE e BNG na que se expón que os concellos asumen xa máis da metade do financiamento dun servizo básico que é de competencia autonómica
Imaxe do pleno da Deputación da Coruña do 26 de abril
26 Apr 2024

A Deputación da Coruña instou na sesión plenara celebrada este venres á Xunta e ao Estado a que aumenten o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar para que os concellos non teñan que asumir o financiamento e poidan desenvolver correctamente este servizo ante o incremento de custos que supón.

A moción presentada por PSOE e BNG foi aprobada por unanimidade tras ser emendada polo PP, que pediu que no texto incluira tamén a demanda ao Estado de que cumpra coas súas achegas económicas á Lei de Dependencia.

A portavoz do PSOE neste punto, Mónica Rodríguez, explicou que unha hora de Servizo de Axuda no Fogar supón actualmente un custe de entre 22 e 24 euros, dos que a Xunta, contando coas achegas económicas que lle fai o Estado para este servizo, achega 12 euros. Por contra, os municipios achegan o resto, entre 10 e 12 euros por hora con fondos propios. “Isto, sumado a que o SAF é un servizo cada vez máis demandado por mor do envellecemento da poboación, provoca que os municipios teñan que asumir importantes cargar económicas, que se incrementan ano a ano e hipotecan e lastran o seu futuro económico”, afirmou sinalando que “a situación é tan grave que en moitos concellos o SAF supón un de cada tres euros dos que dispoñen os concellos para gasto corrente. No caso de Vimianzo, destinamos a SAF un millón de euros dos seis que temos de orzamento anual”, afirmou.

O texto probado sinala que o Estado, co Goberno de Pedro Sánchez, aumentou no 2023 as achegas en 12,9 millóns de euros, pasando dos 51,3 millóns de euros ao ano en 2022 aos 66,2 en 2023; mentres que a  Xunta reduciu os fondos propios que destina ao SAF en 3 millóns de euros, pasando de 50,3 millóns en 2022 a 47,4 en 2023.

Ademáis, a Xunta limítase a anunciar autorizacións no número de horas que pode prestar cada concello para posibilitar a entrada de novas persoas nos programas do sistema, pero sen acompañar de financiamento o aumento de horas autorizadas, polo que cantas máis persoas, maior é o custe para cada concello.

De feito, son os concellos os que licitan e adxudican este servizo que se encarece ano tras ano, especialmente nos concellos máis rurais e máis avellentados, chegando a entre 23 e 24 euros por hora se servizo, dos que máis da metade se financian con fondos municipais pese a ser unha competencia autonómica.

O acordo aprobado insta ao Estado a a cumprir coas súas achegas á Lei de Dependencia, a asumir o custo derivado da redución do copagamento dos usuarios provocado pola entrada en vigor da Lei 10/2023 que a día de hoxe están asumindo os concellos, a incrementar o financiamento autonómico e estatal do SAF, a dotar de medios e recursos humanos aos equipos de valoración da dependencia e que a Xunta exerza a súa función de mediadora nas negociacións entre as empresas do sector e os seus traballadores e traballadoras para tentar que se alcance un acordo do convenio colectivo do sector.

Rexeitada a moción de apoio a Altri do PP

O pleno rexeitou cos votos de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños a moción do PP na que solicitaba manifestar o apoio da Deputación á implantación da fábrica de fribras textís de Altri en Palas de Rei (Lugo), instar á Xunta de Galicia a dar prioridade a este proxecto e ao Goberno do Estado a concretar o seu financiamento públicos con fondos Next Generation.

O portavoz do PSOE neste punto, José Ramón Rioboo, lamentou “a falta de información e transparencia por parte da Xunta” e censurou que “o proxecto inicial dista moito do que estamos coñecendo” o que está xerando “preocupación nos concellos” polo impacto ambiental que poda ter nas comarcas da Ulla, do interior coruñés e da ría de Arousa.

“Falabamos de 4.500 empregos e agora non chegan nin á metade”, afirmou o voceiro socialista, que destacou o compromiso do seu partido “con proxectos que contribúan á reindustrialización de Galicia e á dinamización do rural, pero non podemos apoiar un proxecto sen información clara e transparente. Información, información e información”, sentenciou.

A portavoz do BNG, Avia Veira, incidiu en que “non é unha fábrica de fibras textís, senon unha factoría que vai fabricar 4.000 toneladas de celulosa” e que xerará impacto paisaxístico, ambiental e patrimonial, xa que está no Camiño de Santiago.

“No Parlamento votouse una PNL que dicía unha cousa e o proxecto é outra”, afirmou a portavoz do BNG, que incidiu tamén en que o proxecto está supeditado á concesión de fondos públicos, con fondos Next Generation.

Alternativa dos Veciños votou tamén en contra da moción do PP. “Non me fío destas empresas multinacionais que o único que traen é destrucción”; afirmou Ángel García Seoane, que citou algúns exemplos de contaminacion provocados por grandes empresas.

Moción sobre o rexistro das explotacións avícolas de autoconsumo

O pleno aprobou cos votos favorables de PP e Alternativa dos Veciños e a abstención de PSOE e BNG  a moción do PP na que se solicitaba instar ao Goberno de España a suprimir a obrigatoriedade de rexistro das explotacións avícolas para autoconsumo no Real Decreto 637/2021. As portavoces de PSOE e BNG advertiron que a norma responde a unha directiva europea e pretende garantir a trazabilidade das aves no caso dun problema de saúde pública, como un brote de gripe aviar, e acusaron á Xunta de non desenvolver a norma estatal e de desmantelar as oficinas agrarias que poderían dar soporte aos propietarios de galiñeiros de autoconsumo nun trámite sinxelo como é o rexistro.

0.16075801849365