A Deputación pecha o ano con preto de 5 millóns en axudas para autónomos

ACoruñaXa
Máis de 2.198 profesionais beneficiáronse das liñas PEL-Autónomos para apoiar os negocios nos concellos máis pequenos da provincia
Imaxe dun traballador financiado polas axudas PEL
17 Dec 2024

A Deputación da Coruña pecha o ano 2024 cun investimento total de 4,9 millóns de euros destinados ás axudas PEL-Autónomos, que beneficiaron a 2.198 traballadores por conta propia con domicilio fiscal en pequenos concellos da provincia.

A entidade provincial publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a resolución da segunda liña de axudas PEL-Autónomos Consolidados, dirixida a profesionais con máis de cinco anos de actividade e sede fiscal en concellos de menos de 10.000 habitantes. Esta convocatoria repartiu un total de 2,6 millóns de euros a 1.092 beneficiarios, con subvencións que oscilan entre os 1.200 e os 2.400 euros destinadas a cubrir parte das cotas da Seguridade Social.

Estas achegas súmanse ás concedidas no mes de xuño, cando 1.106 autónomos con menos de cinco anos de actividade recibiron 2,3 millóns de euros en municipios de ata 20.000 habitantes.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a relevancia destas axudas para apoiar o emprego local e a economía dos concellos máis pequenos: "Os autónomos son claves na creación de emprego en Galicia, por iso decidimos incrementar o orzamento das axudas ata case 5 millóns de euros, co obxectivo de atender o maior número posible de solicitudes".

Formoso tamén salientou a aposta da Deputación pola fixación de poboación no rural a través de medidas que incentiven a actividade económica nos concellos menos poboados.

Por distribución territorial, a comarca de Santiago lidera o número de solicitudes concedidas con 364 axudas e un importe de 865.777 euros, seguida da comarca de Ferrol con 229 axudas por un total de 543.200 euros. Entre os concellos máis beneficiados destacan Mazaricos (113 axudas), Monfero (66 axudas) e Tordoia (52 axudas).

Por sectores, o primario foi o máis beneficiado, concentrando o 57,69 % das axudas, seguido do sector terciario cun 33,33 %. A actividade relacionada coa construción e reformas liderou o sector secundario cun 5,13 % do total.

⚙ Configurar cookies
0.043609857559204