A Deputación organiza o 1 e 2 de abril o 'II Congreso de contratación pública'
O Teatro Colón acollerá os días 1 e 2 de abril de 2024 o 'II Congreso de contratación pública; por unha contratación máis áxil, eficaz, en igualdade e sostible, organizado pola Deputación da Coruña. As xornadas estarán dirixidas polo deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xosé Lois Penas, e coordinadas polo xefe do servizo de Patrimonio e Contratación, Luis Jaime Rodríguez Fernández.
O obxecto deste congreso é reflexionar, debater e atopar puntos de encontro para buscar aquelas medidas e instrumentos que permitan conseguir unha maior axilidade e simplificación na xestión administrativa da contratación, poñendo especial énfase na contratación estratéxica e singularmente na xestión pública con perspectiva de xénero.
Diversos especialistas na materia tratarán temas de interese relativos á contratación pública para conseguir un mellor servizo á cidadanía, para os contratistas, e para a propia administración. A inscrición xa se pode realizar a partir do venres 1 de marzo na páxina web da Deputación.
“Queremos poñer sobre a mesa a necesaria axilización en canto á contratación pública, para ser máis eficaces e eliminar as trabas burocráticas que en moitos casos dificultan estes procesos” apuntou o deputado Xosé L. Penas. “Trátase de ter unha maior empatía coa cidadanía e co sector privado”, engadiu, “traballando conxuntamente e escoitando as demandas tanto do sector empresarial como do social”.