A Deputación mellora a estrada DP-4803, principal acceso á praia grande de Miño

ACoruñaXa
A intervención busca mellorar a seguridade e comodidade da circulación
dep-minho-perbes
23 Apr 2025

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por un total de 540.879 euros as obras de renovación do firme nos primeiros catro quilómetros da estrada provincial DP-4803, principal vía de acceso á praia grande de Miño. A intervención busca mellorar a seguridade e comodidade da circulación nun tramo especialmente transitado durante os meses de verán, cando o municipio recibe milleiros de visitantes.

O anuncio foi realizado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante unha visita á zona acompañado polo alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo. Alí destacou que os traballos forman parte do Plan de Conservación de Estradas da Deputación e incluirán actuacións de saneo e reparación puntual en zonas deterioradas, cunha superficie de 7.000 metros cadrados, así como a aplicación dunha nova capa de mestura asfáltica en quente de 5 centímetros de espesor ao longo de máis de 34.000 metros cadrados.

“O novo firme vai permitir unha circulación máis cómoda, máis segura e tamén máis eficiente”, subliñou o alcalde, quen agradeceu o compromiso da Deputación co concello. “Unha vez máis, a institución provincial cumpre coas demandas de Miño”, afirmou Vázquez Faraldo, quen tamén destacou o impacto positivo destas obras na calidade de vida da veciñanza e na imaxe do municipio como destino turístico atractivo e ben coidado.

O presidente provincial, pola súa banda, incidiu na importancia de manter en bo estado as infraestruturas viarias, especialmente aquelas que soportan unha alta intensidade de tráfico estacional, como é o caso da DP-4803.

Ademais, Formoso lembrou que esta actuación se enmarca nunha liña de colaboración continua entre a Deputación e o Concello de Miño. “Non é un feito illado”, indicou o alcalde, quen citou outros exemplos recentes como a renovación das beirarrúas en San Xoán de Vilanova. “A cooperación entre institucións é clave, e en Miño está a dar bos froitos”, concluíu.

A mellora desta estrada complétase coas obras recentemente rematadas entre os puntos quilométricos 7+200 e 10+300, no núcleo de Centroña (Pontedeume), onde a Deputación investiu máis de 1,3 millóns de euros na construción dunha senda peonil de máis de 3 quilómetros e a renovación do firme do vial, reforzando a seguridade viaria e promovendo a mobilidade sustentable na comarca.

⚙ Configurar cookies
0.16288805007935