A Deputación levará a música da Orquestra Sinfónica de Galicia aos concellos da Provincia

ACoruñaXa
O apoio da Deputación permitirá, un ano máis, levar concertos da OSG a Ferrol, Santiago e outros concellos da provincia como Carballo, Melide, Rianxo, Arteixo, Culleredo ou Vimianzo
Imaxe do presidente da Deputación da Coruña visitando á Orquesta Sinfónica de Galicia
7 Xuño 2024

A Deputación da Coruña financia con 1,5 millóns de euros as actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia durante o ano 2024. Un importante apoio económico que, en colaboración co Consorcio para a Promoción da Música da Coruña, supón o 70% do orzamento total da programación anual da OSG, que alcanza este ano os 2,1 millóns de euros e que permite, entre outras cuestións, levar os concertos da Sinfónica ás cidades de Ferrol e Santiago de Compostela e a outros concellos da provincia como Carballo, Melide, Rianxo, Arteixo, Culleredo ou Vimianzo, así como achegar a música clásica aos escolares.

Así o explicou esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a visita que xunto coa alcaldesa da Coruña e presidenta do Consorcio para a Promoción da Música, Inés Rey, e a deputada de Cultura, Natividad González, realizou durante un dos ensaios da OSG no Pazo da Ópera da Coruña e na que tiveron a oportunidade de conversar co xerente da orquestra, Andrés Lacasa, e cos músicos para interesarse pola súa actividade e felicitalos polo seu traballo.

Formoso afirmou que o convenio, aprobado no pleno do pasado venres, “é o de maior contía de cantos se aproban cada ano na Deputación e contribúe dende hai décadas a apoiar a labor da OSG, un referente no seu ámbito a nivel nacional que dende a súa fundación en 1992 proxecta a imaxe de Galicia arredor do mundo”.

O presidente destacou que “o apoio da Deputación á cultura, que permite levar a música dunha das mellores orquestras sinfónicas de España aos concellos da provincia. Por suposto, a cidades como A Coruña, Santiago e Ferrol, pero tamén a concellos máis pequenos como Carballo, Melide ou Vimianzo porque a nosa vocación e achegar a mellor música sinfónica a todo o territorio, non só ás grandes cidades”, afirmou.

Formoso incidiu tamén na importancia deste convenio para achegar a música da OSG a públicos de todas as idades, entre eles os escolares de toda a provincia. “O ano pasado, os concertos didácticos da Sinfónica chegaron a case 30.000 alumnos e alumnas, desde primaria a bacharelato, de 72 centros educativos da provincia”, subliñou.

Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu “o compromiso da Deputación coa OSG, un referente cultural da cidade”. “Unha achega moi necesaria e unha programación moi ampla que presentaremos mañá en detalle co conselleiro de Cultura”, anunciou.

“O compromiso das institucións é clave para que un gran proxecto cultural como este manteña a excelencia e a calidade que o caracteriza e que vai alén das nosas fronteiras”, apuntou a rexedora.
O importante labor de difusión da música que realiza a OSG desde hai 31 anos vai máis aló dos concertos e o achegamento a todos os públicos das grandes obras das música clásica, xa que ademais contribúe a formación de novos intérpretes de primeiro nivel (algúns deles conseguiron prazas estables en grandes orquestras europeas) e contribúe á formación cultural da cidadanía mediante conferencias, encontros con artistas de prestixio internacional ou clases maxistrais para alumnos de conservatorios de música da provincia.

A OSG forma parte dos catálogos discográficos dalgunhas das maiores empresas do sector do mundo, como Deustche Grammofon, Sony, DECCA ou EMI. A súa canle de Youtube conta con máis de 177.000 suscriptores arredor do mundo e as súas gravacións tiveron o ano pasado máis de 7 millóns de visualizacións desde 227 países.

O convenio asinado este ano pemite ademáis que a tempada da OSG conte con catro orquestras convidadas: a Real Filarmonía de Galicia, a Orquesta Sinfónica de Castilla y León, a Orquesta Sinfónica do Principado de Asturias e Orquesta Nacional de España.

0.18728518486023