A Deputación levará a Fitur a súa nova campaña de turismo e a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle
A Deputación da Coruña será protagonista na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid entre o 22 e o 26 de xaneiro. O mércores 22, ás 14 horas, presentará dúas das súas propostas máis destacadas: unha nova campaña de turismo enfocada na gastronomía e no territorio, e a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, un proxecto que busca consolidarse como referente en turismo sostible e dinamización socioeconómica.
O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, destacou a importancia deste evento afirmando que “Fitur 2025 marcará un fito moi importante, pois alí lanzaremos a nosa nova campaña de turismo, que pon o foco na gastronomía e no territorio". Segundo explicou, a campaña está aliñada coa estratexia de turismo sostible da Deputación, promovendo a preservación do medio ambiente e impulsando o sector agroalimentario como elemento clave para un turismo de calidade. Regueira resaltou tamén que a campaña será "innovadora e inesperada, sen deixar a ninguén indiferente".
Outro dos grandes protagonistas será a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, a máis longa de Galicia e unha das máis extensas da península. Antonio Leira, deputado e coordinador da Asociación de Concellos da Vía Verde, explicou que este proxecto será presentado baixo o programa “Deportistas na Vía”. Esta iniciativa contará con figuras como o triatleta Iván Raña, que exercerán de embaixadores para atraer a públicos interesados no turismo activo e no deporte.
O presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde, Alexander Doval, puxo en valor esta infraestrutura como unha ferramenta para dinamizar socioeconomicamente os concellos polos que discorre a vía, resaltando o seu impacto positivo na creación de emprego e no asentamento da poboación no rural.
Deste xeito, a Deputación busca reforzar a súa aposta por un modelo turístico sostible e integrado, no que se combinen o respecto polo medio ambiente e a promoción da identidade local a través de iniciativas que xeren oportunidades económicas e melloren a calidade de vida das comunidades.
Con estas presentacións, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso cun turismo que promove valores de sustentabilidade económica, social e medioambiental, consolidándose como un exemplo de innovación no sector turístico galego e nacional.