A Deputación leva ao IES Manuel Murguía de Arteixo un programa para impulsar a participación da mocidade con enfoque feminista

ACoruñaXa
A deputada Sol Agra asistiu a unha sesión do proxecto 'Laboratorio de asembleas feministas', que achega ferramentas ao alumnado da ESO para detectar estereotipos e desigualdades
DEPUTACION arteixo
19 Dec 2025

O IES Manuel Murguía de Arteixo acolleu este xoves unha nova sesión do proxecto 'Laboratorio de asembleas feministas', unha iniciativa desenvolvida pola cooperativa Aventeira coa colaboración da Deputación da Coruña e orientada a fomentar a participación xuvenil desde a perspectiva da igualdade de xénero.

A deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra, participou na segunda xornada do programa, centrada en dotar ao alumnado da ESO de ferramentas para a facilitación e dinamización de grupos. O traballo inclúe tamén a identificación de estereotipos de xénero, desigualdades e situacións de discriminación presentes no día a día da mocidade.

Durante a visita, Agra puxo en valor as liñas de subvención da Deputación en materia de igualdade, que permiten que entidades como Aventeira desenvolvan proxectos nos centros educativos e impulsen a creación e dinamización de asembleas feministas promovidas polo propio estudantado. A deputada subliñou que estas accións favorecen que 'a igualdade se constrúa desde abaixo', coa implicación directa do alumnado e dos equipos docentes.

A responsable provincial agradeceu tamén o compromiso do profesorado e da dirección do IES Manuel Murguía, ao considerar que a continuidade e o impacto real destes programas dependen, en boa medida, do traballo que se realiza durante todo o ano nos centros.

O 'Laboratorio de asembleas feministas' forma parte dun proxecto subvencionado pola Deputación da Coruña para reforzar a educación en igualdade, contribuír á prevención das violencias machistas e impulsar a participación social da mocidade no marco da educación non formal en distintos concellos da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.076888084411621