A Deputación leva a Navartur a súa aposta por un turismo con territorio, sostibilidade e identidade

A Deputación da Coruña participará esta fin de semana por primeira vez en Navartur, a Feira Internacional de Turismo Reyno de Navarra, que celebra a súa vixésima edición no Palacio de Congresos e Auditorio Baluarte. A institución provincial presenta esta cita como unha oportunidade para reforzar un modelo turístico ‘baseado no territorio, na sostibilidade e na identidade’, en liña coa orientación dunha feira centrada no turismo activo, cultural e de natureza, así como na enogastronomía e propostas sustentábeis.
Segundo trasladou o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, a presenza en feiras profesionais busca dar continuidade a unha estratexia que prioriza un desenvolvemento equilibrado e a valorización dos recursos naturais, culturais e sociais da provincia. A Deputación lembra que Navartur é o principal evento comercial para a industria das viaxes no norte do Estado e que na última edición reuniu preto de 52.000 visitantes.
No seu debut en Navartur, a Deputación presentará a Asociación de Turismo da Costa da Morte, o xeodestino Ulla-Tambre-Mandeo e catro Plans de Sostibilidade Turística en Destino impulsados con fondos europeos: Fragas do Eume, Xeoparque Cabo Ortegal, Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle e Centro Histórico de Ferrol, Patrimonio Militar da Costa Ártabra.
Regueira puxo ademais o foco nun dos grandes fitos do calendario deste ano: o eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto, que definiu como ‘o grande atractivo turístico da provincia este ano, un acontecemento único da vida’. Nesa liña, a Deputación avanza que territorios como a Costa da Morte e As Mariñas coruñesas terán protagonismo no tirón do astroturismo ao contar coa distinción de Destinos Starlight.
A estratexia provincial inclúe tamén iniciativas que conectan promoción, territorio e sectores produtivos, como ‘A paisaxe que sabe’, coa que se vinculan gastronomía, produto local e identidade como parte da experiencia turística. A Deputación defende que o obxectivo é consolidar un turismo capaz de xerar actividade económica sen perder autenticidade nin converter os lugares en ‘simples decorados’, segundo a reflexión exposta polo vicepresidente.