A Deputación lanza unha ampla programación para celebrar as Letras Galegas

A Coruña volveu ser epicentro da cultura galega coa presentación, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, da programación da Deputación da Coruña para conmemorar as Letras Galegas 2025. O ente provincial aposta por un ciclo anual de actividades culturais que chegarán a máis de 25 concellos da provincia, con propostas que van da música ao teatro, pasando pola literatura, o audiovisual e a reflexión sobre a tradición oral galega.
As deputadas de Lingua, Soledad Agra, e de Cultura, Natividade González, foron as encargadas de presentar o programa, acompañadas por representantes das iniciativas que o conforman, como Xabier Díaz, Donaire, Xacarandaina, Zavala, Maos, Cantometrics, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e o documental Lévame a idea.
Agra destacou a importancia da homenaxe deste ano: “Este ano, temos o gusto de adicarlle o día das Letras á poesía popular oral, a un grupo de mulleres cantareiras que recolleron a nosa tradición oral, que representa a idiosincrasia do noso país, e a foron transmitindo”. Subliñou ademais que “temos unha programación moi extensa que imos desenvolver en moitos concellos da provincia, porque ese é o compromiso desta institución”.
Pola súa banda, González incidiu na vontade de estender a cultura por todo o territorio: “Desenvolver actividades culturais por toda a provincia, descentralizándoas para que cheguen ao máximo número de veciñas e veciños”, ao tempo que subliñou o carácter continuado da proposta: “É un programa anual, xa que para nós as Letras Galegas son os 365 días do ano”. A programación, asegurou, é “extensa, intensa e sobre todo continua. Combinamos literatura, música, teatro... e, sobre todo, reflexión sobre a nosa cultura e tradición”.
Entre as accións previstas inclúense concertos temáticos, funcións teatrais, proxeccións audiovisuais, contacontos, presentacións literarias, edicións especiais, obradoiros en centros educativos e distribución de libros en bibliotecas públicas.
Algunhas das citas destacadas son:
- Os concertos Efémeras, de Cantometrics, en Noia, Carballo e Ortigueira; Zavala + Atalaias de Caión no outono; e o 25 aniversario de Donaire, en Mazaricos, Melide, As Pontes, Teo e Ribeira.
- 10 proxeccións do documental Lévame a idea.
- 2 funcións escolares de Tanxarina con A biblioteca galáctica contra a IA fantástica.
- 4 concertos das Pandereteiras de Xacarandaina en Fisterra, Betanzos, San Sadurniño e Arteixo.
- Presentacións do Cancioneiro galego serodio 1989–2011 de Xabier Díaz e do Manual de Boas Prácticas en varios concellos.
Durante o acto, os artistas e entidades participantes agradeceron á Deputación “por xerar espazos como este, de encontro, de celebración da cultura e de aturuxo en tantos concellos da provincia, e non só nas cidades”.
A deseñadora Xiana Iglesias, de Maos, explicou a concepción do cartel oficial da programación, que “fai un recoñecemento a toda a poesía popular oral, representando as mulleres como transmisoras de todo o legado poético, o contexto no que se crea a poesía e o patrimonio oral, eses espazos de colectividade, e o papel das persoas que estudaron e que facilitaron a transmisión”. A proposta gráfica, engadiu, naceu de “conceptos que mesturamos como se fose unha sorte de caderno de campo”.