A Deputación lanza un programa educativo sobre o uso responsable das redes sociais

A Deputación da Coruña pon en marcha ‘Problemas dixitais, solucións reais’, unha iniciativa educativa pioneira que busca formar adolescentes, familias e docentes no uso seguro e responsable das redes sociais. O programa ofrecerá talleres onde se abordarán temas clave como a protección da privacidade, a prevención do ciberacoso e a xestión saudable do tempo en liña.
O obxectivo desta formación é axudar ás persoas nativas dixitais, pertencentes á denominada ‘Xeración Alfa’ (nados despois de 1997), a identificar os bos e malos usos das redes sociais. Ademais, proporcionará ferramentas clave para que familias e docentes poidan comprender e traballar con adolescentes neste ámbito.
Desta maneira, a Deputación da Coruña promove un programa que cobre contidos actualmente non contemplados no sistema educativo galego e que poden contribuír a paliar problemas derivados do uso excesivo das redes sociais, tales como trastornos de saúde mental (ansiedade, depresión, baixa autoestima), illamento social, sedentarismo ou o acoso en liña (ciberbullying).
O proxecto iniciarase cun taller formativo de 90 minutos dirixido a estudantes, centrado na concienciación sobre o ciberbullying. Este será impartido por Diego Arroba, máis coñecido como "El Cejas", actor e creador de contido dixital con máis de 1,2 millóns de seguidores nas súa redes e con experiencia persoal nos temas a tratar. Tamén intervirá Sara Antúnez, presidenta da asociación contra o ciberacoso StopHaters, quen achegará estratexias de protección e actuación ante situacións de acoso en liña.
Durante a formación trataranse prácticas seguras para garantir a privacidade e a intimidade nas redes, formas de identificar situacións de ciberbullying, protocolos de actuación e denuncia, implicacións legais para as persoas acosadoras e casos prácticos.
Os primeiros centros educativos en participar serán o IES de Ortigueira, o IES de Fene, o CPR Plurilingüe San José e o IES Breamo de Pontedeume, ademais do IES Plurilingüe Castro da Uz e o IES Moncho Valcarce, das Pontes, entre o luns 24 de marzo e o mércores 26.