A Deputación lanza un espazo dixital que recolle as diversas iniciativas enolóxicas da provincia

ACoruñaXa
A presentación da páxina web marcou o inicio desta segunda xornada do encontro das IXP de Viño de Galicia
CrisAndina_ViñosDaCoruña_Regueira_dep
24 Feb 2025

A aposta pola excelencia e o compromiso co territorio marcaron a presentación da nova páxina web viñosdacoruña.gal, que se presentou no NH Finisterre, no marco do encontro das IXP de Viño de Galicia. O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, foi o encargado de dar a coñecer este espazo dixital, destinado a recoller información sobre as diversas iniciativas enolóxicas da provincia. O anuncio enmarcouse dentro da segunda xornada dun evento que conta con máis de vinte actividades, entre presentacións, catas e masterclass, e que reúne as principais adegas e indicacións xeográficas protexidas de Galicia.

Regueira explicou o obxectivo da páxina web e do propio encontro: “Poñer en valor o territorio a través das persoas, a paisaxe e a gastronomía, como parte da nosa campaña ‘A paisaxe que sabe’, con este espazo que se convirte nunha ferramenta máis para salientar a excelencia da cadea agroalimentaria coruñesa”. O vicepresidente tamén se referiu á artesanía vitícola, “capaz de meter un territorio nunha botella” e ao “legado” que existe na provincia, “vencellado coa cultura, o agro e a gastronomía, pero tamén coa innovación e a tradición, sempre da man”.

“Unha adega de máxima eficiencia enerxética, un innovador espumoso, un pioneiro viño doce natural, a dedicación perfeccionista da enxeñeira agrónoma que investiga e pon en valor unha uva histórica, a paixón do mozo que logo de fuxir do mundo do viño familiar regresa cunha nova visión para transformar e levar a outro nivel a herdanza vitícola da casa, o encontro do viñedo coa historia nun caldo de homenaxe a un milenario achado arqueolóxico... Son algúns exemplos dun traballo que merece ser coñecido e recoñecido”. Neste sentido, viñosdacoruña.gal pretende ser o espazo “dun sector pequeno aínda en produción pero moi grande en potencial” para situar o viño da provincia no lugar que lle corresponde, sendo “moito máis que unha bebida para ser un símbolo de identidade, indisociable de valores de tradición, territorio, historia e patrimonio”.

O espazo viñosdacoruña.gal alberga información sobre iniciativas enolóxicas de diferentes dimensións e graos de profesionalización, pero caracterizadas todas polo compromiso coa excelencia e o obxectivo de espremer os atributos e peculiaridades excepcionais das castes de uva cultivadas na provincia. Unha arela na que comparten protagonismo as vides, as propiedades distintivas que adquiren nas terras coruñesas onde son cultivadas e o traballo entregado dos adegueiros, baseado no esforzo, a honestidade e a aposta por unha innovación que non esquece a sólida raíz das tradicións familiares de longo alento.

A presentación da páxina web por parte do vicepresidente, Xosé Regueira, marcou o inicio desta segunda xornada do encontro das IXP de Viño de Galicia que se celebra no NH Finisterre. Trala primeira, onde tivo lugar un ‘túnel do viño’ con catas cada media hora de 16 adegas participantes das IXP de Galicia, hoxe hai tamén presentacións de Adega Bordel e Adegas Rilo (IXP Viño da Terra de Betanzos); masterclass sobre branco lexítimo a cargo de Luis Paadín; presentacións de Pagos de Brigante e Casa Beade (IXP Viño da Terra de Betanzos) e Adega Terras Mancas e Adega Ferreiros (IXP Val do Miño, Ourense) e finalizará cunha masterclass de Alejandro Paadín sobre as IXP de Galicia.

Regueira enmarcou a iniciativa no compromiso da súa área por “captar un turismo responsable” pois “a enogastronomía ofrece oportunidades non so para a gastronomía senón tamén para o territorio, e tamén para o noso patrimonio, a nosa lingua e a nosa cultura, confeccoinando un produto turístico de gran calidade”. Referiuse tamén aos 5 plans de sustentabilidade turística en destino da Deputación, “catro deles forman parte do plan enogastronómico de Galiza” polo que “traballamos na mesma liña”. “Esta estratexia permítenos non so facer promoción turística, senón tamén contribuir a xerar economía e oportunidades no medio rural”, engadiu Regueira. “Hai que valorizar o rural, mantelo vivo e fomentar a riqueza e o benestar para as persoas, pois non todo é cultura de esforzo e de compromiso”.

⚙ Configurar cookies
0.60360789299011