A Deputación lanza o concurso de microrrelatos #HoxeEscriboEn 2025 para promover o talento literario

A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, en colaboración coa área de Turismo, puxo en marcha o concurso #HoxeEscriboEn 2025, unha iniciativa que busca fomentar a creación literaria e poñer en valor o patrimonio cultural dos 93 municipios da provincia da Coruña, ao tempo que impulsa o turismo de proximidade.
Dirixido a todas as persoas maiores de idade, o certame convida a presentar microrrelatos de ata 500 palabras, escritos en galego ou castelán, que deben ser inéditos e non presentados en ningún outro concurso. “É obrigatorio que a temática dos relatos de #HoxeEscriboEn estea ambientada en algún dos concellos da provincia, aínda que non é obrigatorio que o autor ou autora resida nel”, explican desde a organización.
Os relatos poden abordar aspectos variados do patrimonio local, desde a historia, lendas, tradicións, personaxes destacados ata valores culturais ou medioambientais da localidade, co fin de destacar calquera elemento relevante do seu territorio.
O prazo para enviar os textos estará aberto ata o sábado 17 de agosto e as participacións deberán realizarse a través do formulario dispoñible na web da Biblioteca da Deputación da Coruña. Cada participante pode presentar varias obras, sempre que se cubra un formulario por cada relato. Para calquera dúbida, pódese contactar no correo biblioteca.info@dacoruna.gal ou no teléfono 981 415 176.
En canto aos premios, os gañadores terán a oportunidade de desfrutar de paquetes turísticos pola provincia: o primeiro premio inclúe unha estancia dunha noite para dúas persoas nunha cabana rural con almorzo e cea; o segundo, unha noite para dúas persoas nun establecemento rural con almorzo; e o terceiro, unha comida ou cea para dúas persoas nun restaurante da provincia. Ademais, entre todos os participantes sortearanse varios lotes de produtos típicos.
As persoas premiadas serán comunicadas por teléfono ou correo electrónico, e os resultados faranse públicos nas redes sociais e na web da Biblioteca Provincial.
Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña aposta por un duplo obxectivo: incentivar o talento literario e ao mesmo tempo promover o coñecemento e a valorización do rico patrimonio cultural e natural da provincia, reforzando o turismo local e a implicación da cidadanía coa súa contorna.