A Deputación lanza a primeira edición do concurso de microrrelatos #HoxeEscriboEn

ACoruñaXa
Está especialmente dirixido ao alumnado matriculado na ESO, Bacharelato e dos Ciclos Formativos
dep-microrrelatos
24 Mar 2025

A Deputación da Coruña, a través das súas áreas de Turismo e Cultura e en colaboración coa Biblioteca Provincial, pon en marcha a primeira edición do concurso de microrrelatos #HoxeEscriboEn, unha iniciativa destinada a fomentar o talento creativo, a animación á escritura e á lectura, o impulso do idioma e a difusión do patrimonio dos concellos da provincia entre os mozos e mozas.

O concurso, que xorde do seu homónimo aberto para todas as idades e que xa acumula varias edicións, nesta ocasión está especialmente dirixido ao alumnado matriculado no curso 2024–2025 da ESO, Bacharelato e dos Ciclos Formativos de Grao Medio e Grao Superior pertencentes ao Sistema Educativo Galego e situados na provincia da Coruña. A participación será individual, permitindo presentar un único microrrelato que deberá estar escrito en galego, ser inédito, non ter recibido ningún premio noutra competición e estar desenvolvido en, como máximo, 500 palabras.

Os relatos poderán estar ambientados ou referirse a algún concello da provincia a través dun vínculo coa súa historia local, lendas, tradicións, persoeiros, valores positivos, ou aínda, a riqueza natural, cultural ou medioambiental, resaltando así o patrimonio do municipio. Para asegurar unha xusta valoración segundo a idade e grao de madurez dos participantes, establecéronse catro categorías: alumnado de Primeiro e Segunda da ESO; alumnado de Terceiro e Cuarto da ESO; alumnado de Bacharelato; e alumnado de Ciclos Formativos.

Por cada categoría, outorgarase dous premios que consistirán en catro bonos culturais de 100 euros (un por cada persoal gañador) e catro saídas culturais dirixidas ao conxunto da aula dos galardonados, con unha xornada con comida e transporte para explorar un patrimonio da Deputación da Coruña, a determinar en colaboración cos centros educativos. Ademais, destacarase un premio final que consistirá na adaptación do relato para a realización dunha curtametraxe na que poderá participar o conxunto do alumnado do centro, dando un papel especial á persoa autora.

Os microrrelatos serán valorados por un xurado especializado, tendo en conta criterios como a orixinalidade, a calidade da redacción, a calidade lingüística e a aproximación á temática proposta. O prazo de presentación arrincou o pasado xoves 20 de marzo, un día despois da publicación das bases no BOP, e permanecerá aberto ata o 20 de abril.

⚙ Configurar cookies
0.71783900260925