A Deputación lanza a campaña #NaLinguaConOrgullo para combater prexuízos sobre o uso do galego

ACoruñaXa
A Deputación ofrece tamén ao profesorado un conxunto de recursos didácticos interactivos vinculados ao libro Galaicofobia
A deputada Soledad Agra interviu este martes no II Congreso de Contratación Pública
1 Jul 2025

A Área de Lingua da Deputación da Coruña puxo en marcha a campaña #NaLinguaConOrgullo, unha iniciativa que busca visibilizar e desmontar os prexuízos máis comúns que limitan o uso normalizado do galego na vida cotiá. A campaña pretende abrir espazos de reflexión social sobre estas inercias, que moitas veces pasan desapercibidas pero teñen un impacto real na transmisión e vitalidade da lingua.

A deputada de Lingua, Soledad Agra, destacou a importancia de abordar estas cuestións desde a conciencia individual e colectiva, e sinalou que "a reflexión sobre estas inercias é un chanzo necesario no camiño para que individual e colectivamente, comprendamos o seu impacto". A campaña súmase así ás accións da Deputación para “dar alento e contribuír a unha sociedade respectuosa e orgullosa da nosa cultura e protagonista na dinamización da nosa lingua”.

Entre os temas que aborda #NaLinguaConOrgullo están as reticencias que aínda existen nalgúns sectores para empregar o galego en ámbitos como a publicidade, a ciencia ou a tecnoloxía, así como os prexuízos que dificultan o seu uso no lecer xuvenil, nas redes sociais ou mesmo nas relacións persoais. Baixo os cancelos #NaLinguaConOrgullo e #DesmontandoPrexuízos, a campaña anima a adoptar unha actitude activa e valente fronte a estes obstáculos, reivindicando o galego como ferramenta útil e plenamente válida en todos os contextos.

Como parte desta aposta, a Deputación ofrece tamén ao profesorado un conxunto de recursos didácticos interactivos vinculados ao libro Galaicofobia, de Alexandre Peres Vigo. A obra propón unha análise rigorosa e divulgativa sobre as orixes históricas dos prexuízos que afastaron a moitas xeracións galegas da súa lingua e cultura. Estes materiais están pensados para facilitar sesións educativas nas aulas, promovendo o coñecemento crítico sobre o pasado e presente da lingua.

Desde a Deputación, subliñan que entender a raíz destes prexuízos é clave para valorar o seu impacto histórico e social, e para fortalecer o compromiso coa recuperación e dinamización da lingua galega no presente.

⚙ Configurar cookies
0.16925501823425