A Deputación inviste para cubrir gastos en persoal técnico de normalización lingüística de 25 concellos

A Deputación da Coruña anuncia un invertimento de 496.000 euros este ano para o programa FONL, de subvencións a concellos e outras entidades locais para o financiamento dos gastos de persoal técnico dos Servizos de Normalización Lingüística. Os 25 beneficiarios, que recibirán axudas de entre 18.000 e 20.000 euros, son os concellos de Abegondo, A Baña, A Coruña, Ames, Arzúa, Betanzos, Boiro, Carballo, Carnota, Carral, Dumbría, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón, Oleiros, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Ribeira, Rois e Teo, e as mancomunidades de municipios das comarcas de Ferrol e de Ordes.
“Esta liña, dunha área pouco atendida noutras institucións públicas que teñen a posibilidade de lexislar”, salienta a deputada de Lingua, Sol Agra, “é moi importante no noso departamento, e unha ferramenta indispensable para mellor a situación do galego, que hoxe en día está nunha conxuntura de evidente desigualdade social, na que a produción cultural, científica e comercial realizada na nosa lingua atopa grandes dificultades para se poder desenvolver con normalidade no país”.
Para Agra, “un bo persoal técnico non só resolve dúbidas e mellora a calidade lingüística e comunicativa da administración, senón que nos asesora en todo o relacionado coa política lingüística na procura do incremento do uso e prestixio do galego”. “Tamén”, engade, “no deseño de programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio do noso idioma”. “É, ademais, é fundamental na boa colaboración da Deputación con outros concellos á hora de planificar e executar accións de normalización conxuntas”.