A Deputación inviste na mellora do Camiño Inglés
O pleno da Deputación da Coruña aprobou o proxecto das obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-4804, nos termos municipais de Miño e Paderne, cun investimento previsto de 1.000.098 euros.
As obras prevén a construción dunha senda peonil de 1,3 quilómetros de lonxitude no tramo que conecta a ponte do Porco (Miño) e a ponte medieval do Lambre (Paderne), así como a ampliación e acondicionamento da plataforma da estrada, que pasará dos escasos catro metros actuais a seis metros de ancho, o que permitirá que se crucen dous vehículos en condicións de seguridade. O proxecto inclúe tamén a pavimentación do vial con formigón bitminoso de 5 cm.
A isto súmase a dotación de beiravías en ambas marxes e dunha senda, de dous metros de ancho e cun tramo de pasarela, que garantirá o paso seguro de peóns nun tramo moi frecuentado por peregrinos, xa que forma parte do itinerario do Camiño Inglés.
Os traballos contemplan tamén a instalación de novas redes de drenaxe lonxitudinal e transversal para a recollida, canalización e evacuación da auga nas proximidades da plataforma e nas marxes.
Por último, a actuación complétase coa mellora e renovación da sinalización, establecendo novas marcas viarias e sinalización vertical, sistemas de contención de vehículos na contorna da ponte da vía do ferrocarril e sistemas de balizamento.
O tramo obxecto do proxecto discorre baixo o paso superior da vía do ferrocarril Ferrol-Betanzos, nas inmediacións do río Lambre e na contorna de protección da Ponte do Porco e a Casa Vila, polo que será necesario tamén coordinar as obras cos organismos competentes.