A Deputación inviste máis de 327.000 euros na mellora da estrada entre Sada e Armuño

ACoruñaXa
O obxectivo principal desta actuación é a mellora integral do firme para ofrecer unha circulación máis segura
sada-dep-armunho
16 Jun 2025

A Deputación da Coruña vén de adxudicar un novo proxecto de mellora viaria que beneficiará directamente aos concellos de Sada e Bergondo. Trátase da renovación da capa de rodaxe na estrada provincial DP-0815, que conecta Sada con Armuño, nun treito comprendido entre os puntos quilométricos 1+490 e 4+920. O investimento final ascende a 327.464,18 euros.

O obxectivo principal desta actuación é a mellora integral do firme para ofrecer unha circulación máis segura e cómoda ás persoas usuarias. Para iso, o proxecto contempla diversos traballos como a limpeza das cunetas en ambas marxes da estrada, así como a posta a punto dos sumidoiros e das conducións de augas pluviais. Tamén se procederá ao fresado en zonas de entronque con outras vías e accesos a fincas, e á reparación puntual do firme nas áreas que presentan asentamentos ou deterioro, mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa quente (MBQ).

A obra completarase coa aplicación dunha nova capa de rodaxe de 5 centímetros de espesor, a instalación dun redutor de velocidade tipo “lombo de asno” e a renovación completa da sinalización viaria. Ademais, as tapas de rexistro e sumidoiros serán recrecidas para adaptalas á nova rasante da estrada. O proxecto inclúe tamén partidas destinadas a obras accesorias, posibles imprevistos e á correcta xestión dos residuos xerados durante a execución.

Para minimizar as molestias ao tráfico, os traballos realizaranse por fases, actuando primeiro nunha marxe da vía e despois na outra, co fin de manter a circulación en todo momento. O prazo estimado para a finalización da obra é de tres meses.

Con esta actuación, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso coa modernización e mantemento da rede viaria provincial, apostando por infraestruturas máis seguras, eficientes e adaptadas ás necesidades da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.16752815246582