A Deputación inviste en apoiar grandes eventos deportivos da provincia en 2025

A Deputación da Coruña vén de facer pública no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a resolución provisional dunha nova liña de axudas económicas destinadas a clubs, asociacións e sociedades deportivas da provincia que organizan eventos de especial relevancia ao longo de 2025. En total, son 24 as entidades beneficiarias, que recibirán un apoio económico conxunto de 499.250 euros.
Estas achegas, enmarcadas dentro das múltiples liñas de subvención ao deporte promovidas polo ente provincial, teñen como obxectivo reforzar a celebración de competicións e citas deportivas que, alén de fomentar o deporte, contribúen á proxección nacional e internacional da provincia da Coruña. Así o salientou o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, quen lembrou que a institución provincial destina 4,5 millóns de euros anuais a apoiar o tecido deportivo, desde as categorías de base ata eventos de gran formato como os incluídos nesta convocatoria.
Entre as probas apoiadas destacan citas de gran tradición e repercusión como o Pantín Classic Galicia Pro, puntuable na World Surf League; os campionatos de Autocross de Carballo e Arteixo, integrados no calendario estatal; o Gran Premio Internacional de Marcha Cantones da Coruña-Trofeo Sergio Vázquez; ou o Rallye Rías Altas de vehículos históricos.
Tamén recibirán financiamento outras probas como o Ecorallye da Coruña, o III Trail Ruta dos Faros da Costa da Morte, a XII Proba Ciclista Rutas Xacobeas –incluída na Copa de España–, o Equiocio Ferrol, o Campionato de España de Surf Open e a Liga ProSurfing, ademais da recente fase de ascenso a División de Honra B do OAR Coruña de balonmán.
As contías concedidas a cada entidade oscilan entre os 17.750 e os 25.000 euros, consolidando así a aposta da Deputación pola dinamización do deporte como ferramenta de cohesión social, promoción territorial e desenvolvemento económico na provincia.