A Deputación inviste 792.000 euros para reforzar as oficinas de turismo en 55 concellos

ACoruñaXa
A través do programa DP0029 recibirán axudas de entre 10.000 e 20.000 euros
Imaxe-do-edificio-da-Deputacion-da-Coruna
14 Mar 2025

A Deputación da Coruña destinará 792.039 euros ao financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo en concellos de menos de 50.000 habitantes durante o ano 2025. A través do programa DP0029, un total de 55 municipios coruñeses recibirán axudas de entre 10.000 e 20.000 euros para reforzar a atención turística e mellorar a promoción dos seus recursos naturais, culturais e patrimoniais.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, subliñou a importancia desta iniciativa para impulsar un turismo profesionalizado e de calidade en toda a provincia. “Con esta liña de axudas seguimos a reforzar a capacidade dos concellos para ofrecer un servizo turístico de calidade, garantindo durante todo o ano unha atención profesionalizada que contribúa á promoción dos nosos recursos naturais, culturais e patrimoniais, mellorando a experiencia dos visitantes e fortalecendo o sector en toda a provincia”, destacou.

Segundo Regueira, o turismo xoga un papel estratéxico na creación de emprego e na cohesión territorial, polo que estas axudas permitirán aos concellos máis pequenos manter equipos cualificados sen comprometer os seus orzamentos. “Este programa responde a un compromiso coa equidade territorial, xa que facilita que mesmo os municipios con menos recursos poidan competir nun sector clave para a economía provincial”, sinalou.

O vicepresidente tamén destacou que o programa DP0029 non só garante servizos turísticos de calidade, senón que tamén favorece a creación e consolidación de postos de traballo. “Apostamos por un turismo xestionado de forma profesional e sostible, con información accesible e adaptada ás necesidades de cada territorio”, concluíu.

 

⚙ Configurar cookies
0.14469313621521