A Deputación investirá 13,5 millóns de euros en Curtis e mellorará infraestruturas clave

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, visitaron o Concello de Curtis, onde foron recibidos polo alcalde, Javier Caínzos, e os membros da corporación municipal na Casa do Concello. Durante a xornada, analizaron os investimentos realizados pola institución provincial no municipio, así como as necesidades e demandas de futuro.
Formoso destacou o compromiso da Deputación na mellora das infraestruturas e servizos municipais de Curtis, que se traduce nun investimento global de 13,5 millóns de euros na última década. Deste importe, aproximadamente a metade, 5,5 millóns de euros, foron destinados ao Plan Único (POS+), o principal programa de cooperación cos concellos, que permitiu executar 46 obras no municipio, centradas na mellora de vías municipais, accesos a zonas rurais e servizos básicos como o saneamento e o abastecemento de auga.
“O Plan Único é hoxe unha ferramenta clave para o desenvolvemento dos concellos, especialmente os de menor tamaño, e este ano conta co maior orzamento da súa historia, cun incremento do 72 % na achega inicial de 2025. Isto supón que Curtis pasa dunha achega inicial de 476.000 euros o ano pasado a 813.643 euros en 2025, unha cantidade que se incrementará ao longo do ano con aportacións adicionais”, explicou o presidente provincial.
Pola súa banda, o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, agradeceu o apoio da Deputación para mellorar as infraestruturas e servizos municipais e para a creación de centros de referencia como o Museo Etnográfico ou a Casa Museo de María Antonia Dans. O alcalde tamén trasladou ao presidente distintas necesidades de mellora en estradas de titularidade provincial.
Formoso, Fernández e Caínzos supervisaron posteriormente algunhas das obras executadas co Plan Único, como a mellora do camiño dos Martiños-Cruce a Herdeira (actualmente en execución cun orzamento de 234.950 euros) ou a ampliación do camiño Mascoto-Boipardo, en Fisteus, xa rematada, cun investimento de 125.512 euros.
Outro dos programas provinciais que tivo un impacto importante no municipio foi o Plan de Emprego Local (PEL), que cunha achega de 2 millóns de euros permitiu a creación de 59 empregos no sector público e privado. En total, concedéronse 203 axudas no marco deste programa en Curtis, a maioría delas dirixidas ao apoio a autónomos e pequenas empresas locais, destinándose á creación de empregos e investimentos para mellorar a produtividade dos pequenos negocios.
A xornada incluiu tamén unha visita ás instalacións da empresa Inleit Ingredients, situadas no polígono industrial de Teixeiro. Acompañado do director comercial corporativo, Borja Alba Gómez de la Vega, do director da planta, Juan Cordoníe, e da directora de márketing, Verónica Salgado, Formoso coñeceu de primeira man a actividade desta industria dedicada á produción de proteínas lácteas de alta calidade, que dá emprego directo a unhas 200 persoas.
Durante a visita, o presidente da Deputación destacou que a empresa “é un exemplo de como a innovación e o aproveitamento dos recursos locais poden xerar valor engadido e emprego no rural galego. A súa aposta pola transformación do leite galego en produtos de alto valor nutricional sitúa a Curtis e a Galicia na vangarda da industria”, afirmou Formoso, que tamén subliñou “o pulmón económico e loxístico que supón o polígono de Teixeiro, onde se asenta unha industria puxante e diversificada”.