A Deputación insta á Xunta a aumentar a financiación municipal ata os 200 millóns de euros

ACoruñaXa
O titular do goberno provincial destinará este ano 125 millóns de euros aos 93 concellos da provincia
Carballo-plan-unico-1
6 Mar 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, instou á Xunta de Galicia a incrementar a financiación municipal ata os 200 millóns de euros de forma urxente. Fíxoo durante a súa visita a Carballo, onde foi recibido polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, o alcalde Evencio Ferrero e membros da corporación municipal, no marco da presentación do balance do Plan Único (POS+2025) nos concellos da comarca.

O titular do goberno provincial destacou que a Deputación destinará este ano 125 millóns de euros aos 93 concellos da provincia da Coruña, fronte aos 116 millóns de euros que a Xunta de Galicia destina para os 313 municipios das catro provincias galegas a través do Fondo Galego de Cooperación Local.

“Por primeira vez na historia, a Deputación da Coruña destina máis fondos para financiar os seus 93 concellos que a Xunta para os 313 de toda Galicia. Sen ningún tipo de escusa, é imprescindible establecer un equilibrio responsable de cofinanciamento baseado en criterios obxectivos”, subliñou Formoso.

Críticas ao modelo de reparto da Xunta

O presidente provincial criticou o sistema de reparto da Xunta de Galicia, ao que cualificou de “medieval”. “A Xunta avisa con premeditación e alevosía sobre a apertura de subvencións, facéndoas en concorrencia non competitiva. O primeiro en presentar a súa solicitude leva os cartos, o que non garante a equidade no financiamento municipal”, denunciou.

Pola súa banda, o vicepresidente Xosé Regueira puxo en valor o Plan Único como “un modelo de éxito” que unifica os fondos públicos da Deputación para os concellos con criterios transparentes e obxectivos. “Desde 2017 triplicamos os investimentos, garantindo que todos os municipios poidan planificar as súa actuacións con antelación”, explicou.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, celebrou os criterios obxectivos do Plan Único e destacou que permiten realizar investimentos clave, sobre todo nas parroquias. “Sería desexable que outras administracións seguisen este exemplo”, apuntou.

Formoso subliñou que o Plan Único ten un impacto directo no emprego, cunha media de 17 postos de traballo xerados por cada millón de euros investido. Desde a súa implantación, contribuíu a crear ou manter máis de 12.000 empregos na provincia da Coruña, especialmente nos sectores da construción e servizos municipais.

Finalmente, as autoridades visitaron as obras de mellora da estrada DP-1901 en Carballo, cun investimento de 3,5 millóns de euros. Unha vez rematadas, a vía transformarase nunha gran avenida e será transferida ao Concello, mellorando a seguridade viaria e a mobilidade na zona.

⚙ Configurar cookies
0.2543261051178