A Deputación insta á Xunta a aceptar 380 millóns do Estado para construír 4.000 vivendas públicas

ACoruñaXa
A moción aprobada no pleno tamén reclama un aumento do financiamento autonómico
dep-pleno
28 Jun 2025

O pleno ordinario da Deputación da Coruña aprobou unha moción conxunta presentada polos grupos provinciais do PSOE e do BNG na que se insta á Xunta de Galicia a acollerse ás medidas impulsadas polo Goberno de España en materia de vivenda. A proposta, que contou cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, foi aprobada grazas á abstención do Partido Popular.

Durante o debate plenario, o deputado socialista José Ramón Rioboo acusou á Xunta de manter unha actitude de “parálise, confrontación partidaria e renuncia aos recursos”, en referencia á negativa do Goberno galego a aceptar os fondos estatais recollidos no novo Plan Estatal de Vivenda 2025-2028. Segundo Rioboo, “o caso máis grave produciuse recentemente”, cando a administración autonómica rexeitou un investimento de 380 millóns de euros procedente do Estado.

Este financiamento, indicou, “multiplicaba por 2,5 o do período anterior e permitiría construír 4.000 vivendas públicas de protección permanente”, ademais de incluír medidas estruturais como a creación dunha base de datos pública sobre prezos reais de mercado, a blindaxe do parque público de vivenda ou a aposta por unha planificación a longo prazo coa implicación de entidades locais.

Rioboo insistiu na gravidade da decisión tomada pola Xunta: “Non é admisible que, por motivos ideolóxicos, a Xunta rexeite fondos estatais que pertencen á cidadanía galega”. O deputado subliñou tamén que “se trata dunha obriga ética e política de garantir un dereito básico para milleiros de persoas”.

A moción aprobada insta, así mesmo, ao Goberno galego a aceptar os devanditos fondos e poñer en marcha a construción das 4.000 vivendas públicas comprometidas. Tamén se reclama un aumento do financiamento autonómico, que debería chegar ata o 40 % no marco do vindeiro Plan Estatal de Vivenda.

⚙ Configurar cookies
0.13364386558533