A Deputación impulsa un fondo para proxectos culturais en galego con impacto social

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de lanzar a primeira edición do Fondo de proxectos singulares en lingua galega, unha iniciativa que busca apoiar propostas culturais de especial interese que promovan a mellora social. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 21 de febreiro ao 21 de marzo a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL).
Este certame premiará proxectos desenvolvidos en galego que teñan un impacto significativo en ámbitos como a igualdade, os dereitos civís, o respecto á diversidade, a protección medioambiental, a cohesión social, a integración, a memoria democrática ou a identidade local.
O fondo contará cunha dotación total de 300.000 euros, que se distribuirán en vinte premios con contías diferenciadas segundo a puntuación acadada polos proxectos seleccionados. Os cinco mellor valorados recibirán ata 22.500 euros, os cinco seguintes poderán optar a un máximo de 17.500 euros, outros cinco proxectos obterán un máximo de 12.500 euros e os últimos cinco premiados recibirán ata 7.500 euros.
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que desde a Deputación apostan por políticas públicas que reforcen a identidade, o sentido de comunidade e a cohesión social, sempre desde unha perspectiva democrática, inclusiva e integradora. Para González, a cultura é “o espazo dos valores, das ideas, o fío que cose comunidade, identidade e sentido de pertenza” e debe ser unha ferramenta de transformación social.
Este novo fondo súmase ás iniciativas impulsadas pola Deputación para apoiar a diversidade cultural e garantir o dereito á produción e acceso á cultura en galego. A deputada alertou da situación preocupante do idioma e subliñou que a ausencia de políticas de apoio á lingua galega contribúe á súa perda de presenza social e ao agravamento da desigualdade.