A Deputación impulsa o proxecto Saudade para reivindicar a identidade gastronómica da provincia

ACoruñaXa
O evento, que se celebrará os días 14 e 15 de xullo reunirá a grandes nomes da cociña española e a produtores locais
dep-saudade
13 Jul 2025

Fortalecer a identidade gastronómica da provincia da Coruña e proxectar os seus produtos e profesionais a nivel estatal é o obxectivo central de Saudade, o novo proxecto presentado polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, na praza de abastos de Santiago. O evento, que se celebrará os días 14 e 15 de xullo en cinco municipios (Santa Comba, Santiago, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Coristanco), reunirá a grandes nomes da cociña española e a produtores locais.

Participarán un total de 13 chefs que suman máis de 20 estrelas Michelin, entre os que se atopan Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, Lucía Freitas e Pepe Solla. Xunto a eles estarán tamén xornalistas e prescritores gastronómicos que coñecerán de preto os recursos e produtos do territorio.

O vicepresidente explicou que o obxectivo é “poñer en valor a autenticidade do noso territorio e dos nosos produtos, e por suposto o bo facer dos nosos profesionais, para que ese público de alto nivel se converta en prescritor da provincia. E celebrar que seguimos sendo un territorio con identidade, auténtico e gastronómico grazas ao noso sector agroalimentario”. Engadiu que os chefs “non veñen a cociñar, senón a maridar territorio, produto, gastronomía”, en liña coa estratexia turística da Deputación, que aposta por “un futuro sustentable, de cociña de alta calidade e de compromiso co territorio”. Tamén fixo referencia ao concepto de saudade, “reivindicando de onde vimos e poñendo en valor a xente que nos trouxo ata aquí, que fixo deste país un territorio produtivo de primeiro nivel”.

O evento tamén busca fomentar a reflexión sobre “a necesidade de non perder a nosa identidade, protexer o que temos e velar polo futuro do planeta”, xa que “temos un tesouro nos fogóns, nas empresas produtivas e no territorio”.

Lucía Freitas destacou que “somos a parte de Galicia que máis se move en prol da gastronomía e do territorio porque hai xente detrás que ten ese sentimento e paixón por todo o que nos rodea. E boa mostra diso é Saudade. Para min esto é o futuro; a mellor maneira de fomentar os produtos, os lugares e produtores é a través de convivencias como esta, para que os asistentes poidan respirar e vivir como nos, probar produtos e ser suscritores”.

Manuel Costiña puxo en valor o traballo dos produtores “que temos que mimar e coidar, e preocuparnos de que Galicia sexa a despensa en produtos de alta calidade”. Engadiu que “o que máis lle sorprende á xente que nos visita é a materia prima que temos ao redor”.

Graciela Castro, de Chichalovers, sinalou que esta iniciativa é “unha forma marabillosa de darlle visibilidade a proxectos como o noso. É moi importante poñer en valor territorio e cultura, seguir traballando polo noso e amosalo ao mundo, e que se vexa o traballo o que hai detrás e todo o que se pode facer volvendo a terra”.

Carmela Cano, de queixo Galmesán, destacou a “visión” da Deputación “de aunar territorio, produto e gastronomía como unha fonte de riqueza”, así como a aposta polos pequenos produtores, “permitíndonos ocupar espazos que doutro xeito non poderiamos”. Tamén puxo en valor “a riqueza da provincia, que nos permite falar do territorio a través dos produtos”.

⚙ Configurar cookies
0.15507197380066