A Deputación impulsa o 'PEL ACTIVA' para facilitar a inserción laboral de 228 persoas desempregadas

ACoruñaXa
Un programa co que poderán acceder a formación especializada e a prácticas en empresas
dep-pel
3 Jun 2025

A Deputación da Coruña aprobou no pleno a posta en marcha do proxecto PEL ACTIVA, unha nova iniciativa de inserción laboral financiada polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), coa que 228 persoas desempregadas da provincia poderán acceder a formación especializada e a prácticas en empresas, especialmente en concellos con reto demográfico.

O programa contempla oito itinerarios de inserción laboral adaptados á demanda real do territorio, cun total de 19 edicións formativas, das cales o 90 % conducirán á obtención dun certificado profesional homologado pola Xunta de Galicia.

PEL ACTIVA está dirixido a colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, como persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con discapacidade, migrantes ou de orixe estranxeira. Para facilitar a súa participación, inclúese unha bolsa de formación de 13,45 euros diarios (300 euros ao mes) destinada a persoas con ingresos inferiores ao 75 % do IPREM.

A formación ofrecerase en sectores con capacidade de crecemento e xeración de emprego, como a atención a persoas maiores, a agricultura de precisión, o turismo deportivo ou o sector multimedia e audiovisual. Segundo datos da Deputación baseados en programas anteriores, ao redor do 50 % das persoas participantes logran emprego tras completar a formación.

Un dos principais obxectivos do proxecto é fomentar oportunidades laborais no rural e contribuír a fixar poboación nos concellos máis afectados pola perda de habitantes. Por este motivo, máis da metade das accións formativas desenvolveranse en concellos con reto demográfico, que tamén participarán na execución do programa debido á súa proximidade coas persoas destinatarias.

Na fase inicial do proxecto implicarase a rede técnica municipal de emprego e desenvolvemento local, que será convocada para colaborar no deseño da acollida e no acompañamento ás persoas participantes. As accións formativas comezarán no último trimestre de 2025.

PEL ACTIVA forma parte da liña europea do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, que busca atraer fondos comunitarios para impulsar a inclusión social e o emprego sostible no rural. A institución provincial presentouse á convocatoria estatal do programa EFESO do FSE+ en colaboración con COGAMI, o Clúster Audiovisual Galego e o Concello de Valdoviño.

Dos 89 proxectos presentados en todo o Estado, foron seleccionados 45, cinco deles en Galicia. A Deputación da Coruña foi beneficiaria dunha subvención de 1.172.860 euros, que cobre o 60 % do custo total do proxecto, cifrado en 2.003.453 euros, incluíndo tanto os gastos de licitación do servizo de formación como as bolsas das persoas participantes.

⚙ Configurar cookies
0.18461203575134