A Deputación impulsa ‘Falarmos Nós’ para tecer unha rede provincial de grupos de conversa en galego

ACoruñaXa
Biblioteca Provincial da Coruña acolleu a xornada de lanzamento dun proxecto que busca crear espazos reais de uso oral do idioma, sen enfoque de aula nin contidos gramaticais
DEPU CORUÑA lingua
19 Jan 2026

A Área de Lingua da Deputación da Coruña puxo en marcha o proxecto ‘Falarmos Nós’, unha iniciativa coa que pretende artellar unha rede provincial de grupos de conversa en galego. A proposta botou a andar este sábado na Biblioteca Provincial, coa celebración dunha xornada de traballo na que se presentou o modelo e se avanzaron os primeiros pasos para a súa implantación no territorio.

A deputada responsable de Lingua, Sol Agra, explicou que a idea nace coa vontade de abrir ‘espazos reais de uso do galego’ pensados, sobre todo, para persoas que coñecen o idioma pero que non o empregan no día a día por distintos motivos: desde a falta de apoio no seu entorno social ata o feito de seren persoas chegadas de fóra que aínda están a gañar soltura na expresión oral.

Segundo indicou Agra, estes grupos enténdense como unha ferramenta ‘sinxela pero moi poderosa’, ao crear contornas seguras e participativas nas que perder o medo a falar e recuperar confianza fóra de ámbitos formais ou académicos. A Deputación insiste en que non se trata de clases de lingua: non haberá explicacións gramaticais nin contidos lingüísticos estruturados, senón práctica de conversa nun ambiente coidado e acolledor.

O proxecto prevé a creación de ata doce grupos, aínda que nesta primeira fase arrancarán sete, que funcionarán como base dunha rede chamada a medrar progresivamente por toda a provincia. Na xornada participaron quince persoas que actuarán como coordinadoras, con dúas responsables por cada grupo.

‘Falarmos Nós’ está aberto á implicación de administracións locais (como servizos de normalización lingüística ou bibliotecas municipais) e tamén de entidades sociais, con independencia do seu ámbito de actuación, coa finalidade de incrementar o uso do galego nas relacións cotiás máis alá das sesións de conversa.

⚙ Configurar cookies
0.09925389289856