A Deputación impulsa en Teixeiro as xornadas 'Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e os coidados'

ACoruñaXa
O Centro Etnográfico Río Mandeo acollerá os días 14 e 15 de novembro mesas de diálogo, espazos de coidado e reflexión sobre dereitos laborais, saúde mental, violencias e incidencia política
A CORUÑA deputación mulleres
7 Nov 2025

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, en colaboración coa Asociación Movilidad Humana, presenta as xornadas 'Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e os coidados', que terán lugar no Centro Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro) os días 14 e 15 de novembro. A proposta, pioneira na provincia, sitúa no centro as voces das mulleres migrantes que sosteñen o sistema de coidados para recoñecer, visibilizar e dignificar un labor moitas veces precarizado e invisibilizado.

Na presentación, a deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra, puxo o foco na discriminación interseccional que afrontan moitas traballadoras por razón de xénero, orixe e situación socioeconómica, agravada por barreiras lingüísticas, precariedade laboral, dificultades de acceso a vivenda digna e, nalgúns casos, situación administrativa irregular. Agra cualificou as xornadas como un acto de recoñecemento: 'mulleres que coidan e sosteñen a nosa sociedade, con forza e dignidade colectiva'.

O programa combina mesas de diálogo, espazos de coidado e reflexión colectiva arredor de dereitos laborais, saúde mental, violencias e estratexias de incidencia política. Entre as persoas participantes figuran Raquel Martínez Buján (socióloga especialista en xénero e coidados), Tania Sordo Ruiz (xurista experta en xénero e dereitos humanos), Silvia Carrizo (fundadora de Malen Etxea), Ismael Sánchez Jiménez (avogado de SEDOAC) e Ximena Medina Mejía (Oxfam Intermón).

Segundo a organización, a metodoloxía será feminista, interseccional e comunitaria, asegurando un espazo seguro e participativo no que as propias traballadoras do fogar e dos coidados compartan experiencias e debuxen unha folla de ruta cara a un emprego digno e con dereitos. A Asociación Movilidad Humana achegará a súa experiencia na defensa deste colectivo e na articulación do programa xunto a outras entidades galegas e estatais.

A participación é de balde e a inscrición pode realizarse na páxina web da Deputación da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.071153879165649