A Deputación impulsa en Mariñán a primeira rede provincial de refuxios para morcegos

ACoruñaXa
Instaláronse 35 caixas especiais nun proxecto pioneiro con vocación científica, educativa e ambiental
marinhan-morcegos
10 Jun 2025

Os xardíns do Pazo de Mariñán, en Bergondo, acollen unha rede pioneira de 35 refuxios para morcegos, unha actuación impulsada pola área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña en colaboración coa asociación Morcegos de Galicia. A deputada Rosa Ana García participou esta mañá na instalación desta iniciativa, que busca favorecer a conservación activa destes mamíferos e o estudo das súas distintas especies en Galicia.

“Con esta iniciativa estamos poñendo en valor a riqueza natural dos xardíns do Pazo de Mariñán e apostando pola conservación activa dunha das faunas máis descoñecidas pero fundamentais para o equilibrio ecolóxico: os morcegos”, destacou a deputada provincial, quen tamén lembrou o papel esencial destes animais no control natural de pragas agrícolas e como indicadores da saúde ambiental.

As caixas refuxio son de serraduras-cemento da marca Schwegler, un material altamente resistente ás condicións meteorolóxicas adversas, e foron seleccionadas pola súa durabilidade e funcionalidade. En total, instalaranse seis modelos diferentes para adaptarse á diversidade biolóxica da zona, incluídas especies migradoras ou ameazadas.

Segundo os datos recollidos por Morcegos de Galicia, en Galicia existen unhas 25 especies de morcegos, das que polo menos 11 están en perigo. A perda de hábitats e a falta de refuxios en contornos cada vez máis humanizados están a comprometer a súa supervivencia.

O Pazo de Mariñán presenta características ideais para este tipo de actuación: conta con arborado maduro, un espazo pechado que garante a protección fronte ao vandalismo, e está situado nunha contorna de alto valor ecolóxico, moi próxima á marisma do Mandeo e á ría de Betanzos. Trátase dun hábitat especialmente relevante para especies como o Pipistrellus nathusii, un morcego migrador con escasa presenza no país.

“Este é un proxecto con vocación científica, educativa e ambiental. Permitirá obter datos moi valiosos para o estudo e conservación dos morcegos en Galicia, pero tamén pode ser a base para futuras actividades de divulgación e participación cidadá, como as noites de observación ou os programas de ciencia cidadá”, apuntou Rosa Ana García.

A rede será xestionada e monitorizada pola asociación Morcegos de Galicia, entidade con ampla traxectoria na materia. O proxecto contará cun plan de seguimento que permitirá avaliar a ocupación das caixas e realizar mostraxes acústicas para identificar as especies presentes.

 

⚙ Configurar cookies
0.16241598129272