A Deputación impulsa dous clubs de lectura dixital centrados no feminismo e na temática LGTBI

As áreas de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña presentaron, en colaboración coa Biblioteca Provincial, dous clubs de lectura dixital centrados no feminismo e na temática LGTBI. No acto de presentación, as deputadas Soledad Agra e Natividade González explicaron os detalles do proxecto, acompañadas pola xefa de servizo da biblioteca, María Lema, e as moderadoras dos clubs, Nuria Vil e Maitane Vicente.
Os novos clubs de lectura levan por nome “Páxinas de Orgullo” e “Tinta e Equidade”, coordinados por Nuria Vil e Maitane Vicente, respectivamente. A inscrición pode realizarse a través da plataforma de préstamo dixital eBiblioDaCoruna, cubrindo o formulario dispoñible na web da Biblioteca Provincial. Para participar, é necesario estar dado de alta na plataforma e, dende alí, acceder ás salas onde se atopan as lecturas propostas polas moderadoras, ademais de espazos de debate, reunións telemáticas e posibles encontros con autores e autoras.
Durante a presentación, a xefa de servizo da biblioteca, María Lema, deu a benvida aos asistentes e destacou a importancia da colaboración entre as áreas de Igualdade e Cultura para facer posible esta iniciativa. “A boa acollida desta proposta innovadora é unha mostra do interese por novas formas de achegar a lectura á cidadanía”, afirmou Lema, subliñando que se trata dunha experiencia pioneira en Galicia.
A deputada de Cultura, Natividade González, resaltou a relevancia da Biblioteca Provincial da Deputación como espazo de referencia para o acceso á cultura. “Non só é un centro de lectura e formación, senón que se converte nun punto de encontro para a reflexión e o compromiso coa cultura pública, accesible e plural”, sinalou. Tamén expresou o seu orgullo por poñer en marcha esta nova iniciativa, que busca adaptarse aos novos tempos e fomentar o acceso á lectura de maneira innovadora. “Queremos crear comunidade ao redor dos libros, xerar espazos de diálogo e aprendizaxe conxunta”, engadiu.
Pola súa banda, a deputada de Igualdade, Soledad Agra, fixo un chamamento á participación nestes novos clubs de lectura como lugares de encontro e intercambio de ideas. “Os libros permítennos descubrir outras perspectivas e maneiras de comprender o mundo, creando unha comunidade de debate e aprendizaxe”, destacou. Ademais, subliñou o importante papel das moderadoras, cuxo labor será fundamental para guiar as conversas e destacar aspectos clave das lecturas.
As moderadoras dos clubs, Maitane Vicente e Nuria Vil, coincidiron en destacar o valor desta iniciativa como un espazo para compartir e intercambiar experiencias a través da lectura. Vicente, responsable de “Tinta e Equidade”, resaltou que un club de lectura é “unha oportunidade para aprender e conectar con outras persoas”. Pola súa parte, Nuria Vil, coordinadora de “Páxinas de Orgullo”, subliñou a importancia de contar con espazos dedicados á literatura LGTBI. “Non se trata só de visibilizar, senón de crear un espazo amable e enriquecedor onde descubrir historias e autores que ofrezan novas perspectivas”, explicou.