A Deputación impulsa cun investimento o labor das entidades sociais da provincia

ACoruñaXa
As axudas que distribúen serán para o mantemento de centros asistenciais ou para programas sociosanitarios
dep-axudas
14 Apr 2025

A Deputación da Coruña vén de reforzar o seu compromiso co tecido social da provincia cun investimento de 1,5 millóns de euros destinados a apoiar a 76 entidades sen ánimo de lucro que traballan no ámbito da discapacidade, enfermidades crónicas e outros colectivos en situación de vulnerabilidade.

As axudas, recollidas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do pasado 10 de abril, distribúense en dúas liñas principais: unha para o mantemento de centros asistenciais e outra para programas sociosanitarios. No primeiro caso, un total de 44 asociacións recibirán un millón de euros para garantir o funcionamento de centros de día, residencias, centros ocupacionais ou servizos de atención á infancia, entre outros.

Entre as beneficiarias atópanse entidades de referencia como o centro Ricardo Baró de Aspronaga en Oleiros, especializado en persoas con discapacidade intelectual; o centro “A Creba” de Noia, dirixido á rehabilitación psicosocial e inserción laboral de persoas con trastorno mental severo; os apartamentos tutelados “O teu fogar, o teu futuro” de Down Coruña; así como AFACO e AFAL, que traballan coidadosamente coas persoas afectadas por Alzheimer na Coruña e en Ferrol. Tamén figuran entidades como Adaceco, ASFEDRO ou Íntegro, que prestan atención a colectivos con distintas necesidades.

A segunda liña de axudas, dotada con 500.000 euros, beneficiará a 32 entidades que desenvolven programas sociosanitarios para persoas con enfermidades crónicas ou condicións que requiren dunha atención integral. Estes programas buscan mellorar a autonomía, favorecer a rehabilitación e a integración social das persoas afectadas por patoloxías como o cancro, o Párkinson, o Alzheimer, a ELA, a fibrose quística, a anorexia ou enfermidades reumáticas.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a relevancia desta liña de axudas, que “permite apoiar a entidades que melloran a vida de miles de persoas especialmente vulnerables e das súas familias”, ao tempo que puxo en valor “o papel fundamental que xogan estas organizacións na construción dunha sociedade máis equitativa e inclusiva”.

Esta convocatoria enmárcase dentro dun programa máis amplo co que a institución provincial destinará este ano 4,5 millóns de euros ao apoio de máis de 270 entidades sociais da provincia, contribuíndo ao financiamento de actividades, persoal, melloras en infraestruturas ou transporte adaptado para persoas con necesidades especiais.

⚙ Configurar cookies
0.14749598503113