A Deputación impulsa con 700.000 euros o labor das entidades sen ánimo de lucro en políticas de xénero para 2026

ACoruñaXa
As axudas, divididas en dúas liñas, xa poden solicitarse ata o 16 de decembro e buscan reforzar a igualdade e combater a violencia machista
DEPUTACIÓN Valentin Formoso
20 Nov 2025

A Deputación da Coruña vén de activar dúas novas convocatorias de subvencións destinadas ás entidades sen ánimo de lucro para avanzar en políticas de igualdade durante o ano 2026. O investimento total ascende a 700.000 euros e inclúe unha liña orientada ao impulso de proxectos e outra ao mantemento de iniciativas xa en marcha. O prazo para presentar solicitudes está aberto e rematará o 16 de decembro.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, salientou que estes programas procuran 'apoiar a creación e a mellora de iniciativas imprescindibles en materia de igualdade', ao tempo que destacou o papel clave das entidades sociais na defensa da igualdade de oportunidades e na loita contra a violencia de xénero. 'Desde a Deputación queremos reforzar o seu labor con este investimento, porque consideramos que é fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis equitativa', indicou.

A primeira liña da convocatoria, dotada con 100.000 euros, céntrase en actuacións de investimento. As entidades poderán solicitar financiamento para intervencións como o acondicionamento, mantemento ou reparación de inmobles, así como para a adquisición de equipamento que permita mellorar servizos e programas vinculados á igualdade de xénero.

A segunda liña, cun orzamento de 600.000 euros, está dirixida a apoiar a posta en marcha ou mellora de servizos, programas e actividades orientadas á promoción da igualdade e á prevención da violencia machista, reforzando así o traballo diario das entidades da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.074473142623901