A Deputación impulsa as contadas infantís sobre Luísa Villalta, no marco de actividades polo Día das Letras Galegas
Este xoves comezan as contadas infantís programadas en diferentes localidades coruñesas pola área de Lingua da Deputación da Coruña, dentro da súa campaña para honrar a Luísa Villalta, a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. A esta acción súmanse outras como a publicación dun vídeo documental sobre a autora, que xa está dispoñible para a súa visualización na canle de YouTube da Deputación.
Neste sentido, a Asociación veciñal do Alto de Arteixo acolle hoxe a primeira das contadas, que estarán impartidas por ‘Polo correo do vento’, un colectivo especializado en actividades pensadas para o público máis novo co fin de promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos.
Durante estas sesións, repartiranse ademais 300 exemplares de Tinta do mar, biografía de Villalta asinada por Polo Correo do Vento e ilustrada pola artista plástica Tania Solla. Despois de Arteixo, continuarán o 5 de xuño en Mazaricos e Zas; o 10 en A Baña; o 14 na Coruña; o 20 en Culleredo e Ferrol e o 22 en Ribeira e Outes.
Unha programación anual
Ademais destas contadas e da gala celebrada no Teatro Colón o pasado 15 de maio, o programa posto en marcha pola Deputación para o Día das Letras Galegas inclúe outras actividades como a realización do documental ‘Luísa Villalta. Silencio me chaman’, no que participan as voces de Xurxo Souto, Pilar G. Negro, Beatriz Maceda, Ana Pillado, Maribel Longueira e Rubén Anido, e que xa está dispoñible na canle de YouTube da Deputación.
A estas iniciativas súmanse os 20 obradoiros sobre Luísa Villalta, con especial fincapé na perspectiva de xénero, en centros de Primaria e Secundaria da provincia. Impartiranos María Canosa, Estíbaliz Espinosa, Eli Ríos, Maribel Loureira, Chisco Fernández Naval, María Cazar e Eva Veiga. Ademais, un de escritura creativa, que xa se comezou en Santiago, conducido por Marga Doval. E ademais, a distribución de 300 exemplares da novela de Villata As chaves do tempo (reeditada por Cuarto de inverno logo de ano fóra de catálogo) nas actividades organizadas pola Deputación, bibliotecas e axencias de lectura de toda a provincia.