A Deputación impulsa a creación e mantemento de emprego con axudas a pequenas empresas

ACoruñaXa
Esta iniciativa, cun investimento de 4,7 millóns de euros, permitirá a creación e consolidación de 430 postos de traballo
pel-dep
31 Jul 2025

A Deputación da Coruña reforza este ano o seu apoio ás pequenas empresas da provincia cun investimento de 4,7 millóns de euros, canalizado a través das liñas PEL-Pemes Creación e PEL-Pemes Mantemento, integradas no Plan de Emprego Local (PEL). Esta iniciativa permitirá a creación e consolidación de 430 postos de traballo, favorecendo a contratación estable e de calidade.

A resolución da convocatoria PEL-Pemes Mantemento foi publicada no Boletín Oficial da Provincia o pasado 29 de xullo. Esta liña destina máis de 1,2 millóns de euros a subvencionar 121 contratos indefinidos en empresas e microempresas con sede en concellos de menos de 20.000 habitantes. Trátase dunha medida pioneira, complementaria da liña de creación, que garante a continuidade dos postos xerados en convocatorias anteriores e reafirma o compromiso da institución provincial cunha economía sustentábel e enraizada no territorio.

Este apoio engádese aos 311 contratos promovidos no mes de xuño ao abeiro da liña PEL-Pemes Creación, consolidando así unha rede de emprego estable en sectores estratéxicos da provincia.

“O PEL demostra a súa utilidade como ferramenta integral para o emprego: primeiro axudamos a contratar, e agora axudamos a manter eses postos de traballo. Apostamos pola creación de emprego estable e polo reforzo das pequenas empresas locais”, sinalou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

As empresas beneficiarias recibirán subvencións do 70 % ou do 50 % dos custos laborais durante 12 meses, cubrindo soldos, cotizacións á Seguridade Social e outros gastos sociais.

En canto á distribución por concellos, Santa Comba lidera o número de axudas concedidas con 9 subvencións e 95.434,15 euros de investimento, seguida de Mazaricos (8 subvencións e 85.118,64 euros) e Dumbría (6 subvencións e 59.862,98 euros).

Por comarcas, a de Santiago concentra o maior volume de apoios, cun total de 46 subvencións (máis do 38 % do total), que supoñen un investimento de 456.228,32 euros. Séguena Bergantiños e a Costa da Morte, con 28 axudas e un investimento conxunto de 281.862,98 euros.

Respecto ao tipo de contrato subvencionado, o 81,82 % son contratos indefinidos a xornada completa e o 18,18% a tempo parcial. Preto do 53 % están dirixidos a persoas pertencentes a colectivos vulnerábeis.

En relación ao perfil das empresas beneficiarias, máis da metade (54,55 %) son autónomos ou empresarios individuais, fundamentalmente vinculados ao sector servizos, con especial presenza do comercio, a hostalaría e o sector primario.

Máis de 8.000 empregos creados en oito anos

Desde a súa creación, o Plan de Emprego Local converteuse nunha das principais políticas públicas da Deputación da Coruña no ámbito laboral. Ao longo dos últimos oito anos, facilitou a creación de máis de 8.130 postos de traballo tanto no sector público como no privado, mediante a colaboración coas entidades locais e co tecido produtivo do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.24370098114014