A Deputación impulsa a calidade turística con 2 millóns de euros en subvencións para 2025
A Deputación da Coruña abriu a convocatoria do programa DP0030/2025, unha iniciativa dirixida a fomentar o desenvolvemento do sector turístico na provincia. Cunha dotación total de 2 065 000 euros, este programa permitirá que entidades de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos poidan optar a axudas que lles faciliten mellorar a calidade e a competitividade do sector. O prazo para solicitar as subvencións estará aberto entre o 15 de novembro e o 16 de decembro, e o importe máximo por beneficiario será de 150 000 euros.
As subvencións teñen como obxectivo o impulso de iniciativas que contribúan á creación de produtos turísticos, á mellora da difusión e o posicionamento turístico, á formación especializada e á mellora da calidade no sector. As axudas financiarán formación, implementación de plans, desenvolvemento de actividades e contratación de persoal especializado.
O vicepresidente provincial e responsable de Turismo, Xosé Regueira, subliñou a importancia de "facilitar a cooperación entre todos os axentes do sector turístico para unha promoción sostible e cohesiva da provincia". Engadiu tamén que “a diversidade de oferta turística en oito xeodestinos distintos fai que estas axudas sexan fundamentais para continuar coas liñas estratéxicas conxuntas que se foron establecendo”.
En 2024, Turismo da Deputación destinou máis de dous millóns de euros en axudas a 18 beneficiarios, incluíndo a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, o Xeoparque do Cabo Ortegal, e a Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau, entre outros.
As bases da convocatoria están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 11 de febreiro e o proceso de solicitude e tramitación será exclusivamente telemático a través da plataforma SUBTEL, dispoñible na sede electrónica da Deputación.