A Deputación impulsa 48 bolsas para investigación e perfeccionamento artístico

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases das súa bolsas destinadas a apoiar á mocidade coruñesa na realización de proxectos de investigación en distintos campos do saber e no perfeccionamento de estudos artísticos durante o curso 2025-2026.
A convocatoria inclúe un total de 48 bolsas cunha dotación de 10.000 euros cada unha, o que suma un orzamento de 480.000 euros. Nos últimos anos, o Goberno provincial incrementou tanto o número de bolsas, que pasaron de 40 a 48, como a contía das mesmas, que se elevou de 8.000 a 10.000 euros.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou o pasado venres as bases das bolsas de investigación, das que se concederán un total de 20 para o curso 2025-2026. Estas axudas buscan ofrecer apoio e oportunidades ás novas xeracións de investigadores da provincia en ámbitos como as ciencias da saúde, as ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades.
As persoas interesadas en optar a estas bolsas deben contar cunha titulación universitaria, ser menores de 36 anos e ter residencia en calquera concello da provincia da Coruña. Ademais, deben comprometerse a desenvolver un traballo de investigación durante un mínimo de nove meses. Convócanse bolsas para proxectos sobre artes e humanidades, ciencias da saúde, ciencias sociais, xurídicas ou estudos de xénero, ciencias, enxeñería e arquitectura.
No eido artístico, a Deputación destina 280.000 euros para financiar 28 bolsas de 10.000 euros cada unha, co obxectivo de apoiar o perfeccionamento de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma de Galicia.
As bolsas concederanse en disciplinas como audiovisual, danza e artes do movemento, ilustración, artes plásticas e visuais, música, teatro e interpretación escénica. Grazas a esta iniciativa, moitos mozos e mozas da provincia poderán completar a súa formación en centros de prestixio fóra de Galicia. Ao longo dos anos, estas bolsas permitiron a numerosos estudantes mellorar a súa preparación en cidades como Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia, así como en recoñecidos centros internacionais de Estados Unidos, Francia, Reino Unido ou Países Baixos. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde o 11 de marzo ata o 11 de abril.